A ONU advirte: "Non hai ningunha zona segura en Gaza; ninguén está a salvo, estea onde estea"

Un home sostendo o cadáver dunha crianza nos arredores do hospital de Al-Aqsa. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto vía Europa Press)
Un novo bombardeo contra un campamento de refuxiados, o de Al Mawasi esta fin de semana, deixou outro centenar de mortos.

"Como xa dixemos en repetidas ocasións, non hai ningunha zona segura ou humanitaria en Gaza. Estas designacións son erróneas e enganosas". Así de contundente se pronuncia a través das redes sociais o máximo responsábel da Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos (UNRWA, en inglés), Philippe Lazzarini, ao se facer eco do testemuño dunha nai que perdeu o seu fillo de oito anos nun novo bombardeo contra un campamento de refuxiados, o de Al Mawasi esta fin de semana, que deixou perto dun centenar de mortos.

O número de falecidos desde que comezou a sanguenta ofensiva israelí sobre a Faixa o pasado outubro ascende xa a 38.584, aos que se suman outras 88.881 persoas feridas de diversa consideración. E isto no referido unicamente a Gaza, pois na rexión palestina de Cisxordania e na cidade de Xerusalén Leste as vítimas mortais en ataques perpetrados por colonos e militares elévanse a 560.

O novo ataque ao campamento de Al Mawasi, perto de Khan Younis, é "un duro recordatorio de que ninguén está a salvo en Gaza, estea onde estea", salientou Lazzarini, que engadiu: "É hora de recuperar a nosa humanidade común: os habitantes de Gaza son nenos, mulleres e homes que, como ti e como eu, teñen dereito a vivir e a esperar un futuro mellor".

A estas palabras reaccionou o tenente coronel israelí Nadav Shoshani, quen dixo crer tamén nesa "humanidade común" e o sentimento de que "cada baixa civil na guerra é unha traxedia terríbel", se ben acusou Hamás de "non compartir" esa posición. E tal e como veñen facendo en reiteradas ocasións distintas autoridades —políticas e castrenses—, Shoshani trazou presuntos vencellos entre a UNRWA e Hamás e sostivo que as súas infraestruturas "son utilizadas para actividades terroristas".

A cruzada contra a UNRWA non é nova. De feito, a pasada semana a comisión de Exteriores e Defensa da Knésset, o Parlamento de Israel, aprobou até tres proxectos de lei encamiñados, todos eles, a prohibir as actividades desta axencia pertencente á ONU e incluíla na súa listaxe de "organizacións terroristas".