'Haaretz' revela que Israel ordenou abrir fogo contra soldados propios para evitar secuestros e sen importar alcanzar civís

O 7 de outubro de 2023, día no que os militantes palestinos atacaron asentamentos, bases militares e postos de control israelís, as FDI recibirían a orde de aplicar a directiva 'Aníbal', que instrúe o uso da forza contra os seus propios soldados para evitar que sexan tomados e sometidos a cativerio.
O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, visitando as súas tropas no norte de Gaza (Foto: Avi Ohayon / GPO / DPA).
photo_camera O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, visitando as súas tropas no norte de Gaza (Foto: Avi Ohayon / GPO / DPA).

As Forzas de Defensa de Israel (FDI) autorizarían ataques contra os seus propios soldados, e posibelmente civís, para impedir que militantes de Hamás os levasen a Gaza como reféns, segundo revelou o xornal israelí Haaretz, que cita documentos oficiais aos que tivo acceso.

O 7 de outubro de 2023, día no que os militantes palestinos atacaron asentamentos, bases militares e postos de control israelís, as FDI recibirían a orde de aplicar a directiva 'Aníbal', que instrúe o uso da forza contra os seus propios soldados para evitar que sexan tomados e sometidos a cativerio.

O rotativo afirma que a opción 'Aníbal' aplicouse en tres instalacións do Exército infiltradas por Hamás, poñendo potencialmente en perigo tamén a civís. Unha desas ocasións ocorrería no paso fronteirizo de Erez, onde as FDI recibiron ordes reiteradas de atacar a zona e o posto militar con drons, a pesar da presenza de reféns. O mesmo protocolo aplicouse nos postos de control militar de Reim e Nahal Oz.

O medio especifica que durante aquela sanguenta xornada, a División de Gaza recibiría unha orde do Mando Sur na que se estabelecía que "nin un só vehículo pode regresar a Gaza", sen importar a presenza de civís israelís. "Todo o mundo sabía para entón que eses vehículos podían transportar civís ou soldados secuestrados", dixo unha fonte.

"Non houbo ningún caso no que se atacase adrede un vehículo que transportaba a persoas secuestradas, mais en realidade non se podía saber se as había nun determinado vehículo. Non podo dicir que houbese unha instrución clara, mais todo o mundo sabía o que significaba o non permitir que ningún vehículo regresase a Gaza", engadiu.

Ademais de autorizar que se atacase a todos os vehículos con dirección a Gaza, as FDI empezaron a saturar a zona fronteiriza con fogo de morteiros. "A instrución pretendía converter a área ao redor do valo fronteirizo nunha zona de exterminio, fechándoa cara ao oeste", dixo un informante.

Aínda que máis de 1.100 israelís foron asasinados o 7 de outubro e uns 250 foron trasladados a Gaza como reféns, non está claro se hai unha parte desas persoas (nin en que cantidade) que poderían ter morto por fogo israelí ou como consecuencia desas ordes.

Comentarios