A nova Comisión Europea vira á dereita -cunha Vicepresidencia de ultradereita- e reduce a cifra de mulleres

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. (Marwan Naamani / DPA vía Europa Press)
O Parlamento da Unión Europea ten que dar o visto e prace á proposta.

Unha semana máis tarde do previsto a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, presentou a terza feira a súa proposta de composición do órgano executivo da Unión Europea (UE), na que o Partido Popular Europeo (PPE) terá -excluíndo a presidenta- 14 membros, cinco os liberais de Renovar, catro os Socialistas e Demócratas (S&D), dous a extrema dereita e un os progresistas eslovacos.

A perda de dúas mulleres con relación á Comisión saínte deixa a súa porcentaxe en 40%. Von der Leyen defendeu que, após examinar as propostas iniciais dos Estados membros -cada un dos que designa un posto no organismo-, a cifra de mulleres apenas alcanzaba 22%, algo “completamente inaceptábel”.

Nese sentido, asumirán catro das seis Vicepresidencias. Unha delas será para a vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica española, Teresa Ribera, como nova vicepresidenta executiva de Competencia e Transición Limpa, Xusta e Competitiva.

Ademais, por primeira vez a ultradereita terá unha Vicepresidencia, a que ocupará o italiano Raffaele Fitto, que se encargará de Cohesión e Reformas, unha elección que levou á primeira ministra italiana Giorgia Meloni a salientar "o novo papel central da nosa nación na UE".

Seguintes pasos

Unha vez presentada a proposta da líder da Comisión Europea, a Comisión de Asuntos Xurídicos do Parlamento da UE fará un exame das candidaturas, que se someterán a unha entrevista nas comisións correspondentes ao seu cargo, que enviarán unha avaliación á Presidencia da Cámara.

En última instancia terán que recibir en conxunto a aprobación do lexislativo.