Dimite un comisario europeo entre críticas á "gobernación cuestionábel" de Von der Leyen

Francia tería cambiado a súa proposta para obter un posto máis relevante.
Thierry Breton. (Foto: Europa Press / Contacto / Valeria Mongelli)
photo_camera Thierry Breton. (Foto: Europa Press / Contacto / Valeria Mongelli)

“Con efecto inmediato” o comisario de Mercado Interior da Unión Europea (UE), Thierry Breton, anunciou a segunda feira a súa dimisión do Executivo comunitario por medio dunha misiva na que arremeteu contra a presidenta do organismo, a alemá Ursula von der Leyen, por manobrar co fin de evitar que se mantivese na Comisión Europea.

Breton asegurou que von der Leyen solicitou a “Francia que retirase o meu nome a cambio dunha carteira influínte”, todo isto sen discutilo directamente con el e por “razóns persoais”. Na carta insistiu en que se trataba dun novo “testemuño” da súa “gobernación cuestionábel”.

Con anterioridade, subliña que o mandatario francés, Emmanuel Macron, comunicara a súa designación como o candidato de París para un segundo mandato, e a canle Euronews remarcou que “se agardaba” que “recibise unha carteira importante na próxima Comisión”.

Pouco despois, von der Leyen aceptou a renuncia e Francia propuxo un novo candidato, Stéphane Séjourné, que na actualidade se desempeña como ministro de Exteriores.

Pola súa parte, a Comisión Europea non quixo valorar as críticas de Bretón e agradeceu o seu traballo ao cargo de Mercado Interior.

Caso Pieper

Von der Leyen e Breton protagonizaron varios enfrontamentos ao longo da última lexislatura, co seu punto álxido no nomeamento de Markus Pieper como enviado da Comisión Europea para as pemes. Pieper, correlixionario de von der Leyen na Unión Demócrata Cristiá de Alemaña, acabou renunciando á posición logo de que un grupo de membros da Comisión liderados por Breton remitiran unha carta criticando o proceso de designación.

Comentarios