O Congreso arxentino rexeita os case 95 millóns de euros para Intelixencia que demandaba Milei

Primeiro decreto de urxencia e necesidade derrogado na historia do país.
Javier Milei, líder arxentino. (Foto: Telmo Pinto / SOPA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press)
photo_camera Javier Milei, líder arxentino. (Foto: Telmo Pinto / SOPA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press)

Na madrugada da sexta feira, por primeira vez na historia arxentina o Congreso tombou un decreto de necesidade e urxencia do Executivo, neste caso rubricado polo presidente ultradereitista Javier Milei, que no medio dos recortes sociais masivos outorgara case 95 millóns de euros en gastos reservados á Secretaría de Intelixencia do Estado (SIDE).

Para que esta figura normativa fique derrogada, é preciso que ambas as Cámaras do Congreso a rexeiten. Arredor desta cuestión, a finais de agosto foi a Cámara de Deputados á que votou maioritariamente en contra da norma e na madrugada da sexta foi o Senado o que acabou co decreto con 49 votos en contra, 11 a favor e 2 abstencións.

Na sesión da Cámara Alta tamén se aprobou outra iniciativa da oposición, a Lei de financiamento universitario, que inclúe unha suba dos fondos para os centros de estudos superiores e para as traballadoras e traballadores deles, e que terá un impacto de apenas 0,14% do produto interior bruto.

Así e todo, e como acontecera coa alza das pensións das persoas xubiladas validada polo Parlamento, o Goberno adiantou que sería vetada alegando que poría en risco o equilibrio fiscal.

Estas votacións producíronse 24 horas despois de que o mandatario lograra un éxito na Cámara Baixa, ao conseguir por medio da ruptura da Unión Cívica Radical (UCR) que cinco dos seus representantes cambiaran o voto e non avalaran de novo a reforma das xubilacións, que precisaba do apoio de dous terzos das e dos lexisladores para superar o veto.

Horas despois da derrota parlamentaria Milei reuniu o seu Executivo para efectuar un “control de danos”, informou o xornal Página12.

Amais do incremento da pobreza, a chegada do ultradereitista ao poder tamén supuxo un aumento da represión, que xa é común ante as múltiples protestas contra el. Nesta ocasión, a cuarta feira as forzas de seguridade atacaron con balas de goma ou porras as e os xubilados que se manifestaban contra o veto.

Unha das vítimas foi unha nena de dez anos á que un policía lanzou gas pementa á cara. Ao transcender os feitos, que xa foron denunciados, o Ministerio de Seguridade dirixido por Patricia Bullrich acusou a nai de irresponsábel e filtrou un vídeo editado para inculpar organismos de dereitos humanos e persoas voluntarias que asistían as e os feridos. Ao corroborarse que a Policía Federal foi a responsábel da montaxe Bullrich insistiu en que “nós non imos ir en contra da Policía”.

Comentarios