O Goberno conservador de Portugal anuncia que duplicará a construción de vivendas públicas

O novo obxectivo é edificar 59.000 domicilios até a final da década.
A capital lusa, Lisboa. (Foto: TOimages)
photo_camera A capital lusa, Lisboa. (Foto: TOimages)

O primeiro ministro portugués, o conservador Luís Montenegro, fixo público a sexta feira que no Conselho de Ministras e Ministros da pasada cuarta feira decidiuse aumentar a construción de vivendas públicas ao longo da década, desde o obxectivo inicial de edificar 26.000 vivendas até 2026 do Executivo progresista que lideraba António Costa até 58.993 en 2030.

Montenegro fixo fincapé en que considera que a falta de vivenda só se resolve coa achega das empresas privadas e das cooperativas, mais asegurou que o Estado tamén “ten que estimular a oferta”. A vivenda é unha das principais preocupacións da poboación ante a alza dos prezos.

O incremento da vivenda pública forma parte do Plano de Recuperação e Resiliência luso, impulsado e financiado pola Unión Europea (UE) a raíz da pandemia de Covid-19.

Nese sentido, Miguel Pinto Luz, responsábel de Infraestruturas, detallou que, amais dos 1.400 millóns de euros previstos nese programa para as primeiras 26.000 casas, dedicarán 2.801 millóns de euros dos orzamentos estatais para completar os fondos necesarios.

Do total, 36.000 vivendas serán financiadas integramente con fondos públicos, e as restantes 23.000 contarán cun financiamento de 60%.

Os últimos datos dispoñíbeis sobre vivendas sociais do Instituto Nacional de Estatística portugués, de 2015, sinalan que había case 120.000 vivendas públicas, arredor de 2% do total e pouco por baixo do Estado español, e unha cifra lixeiramente superior á dos pisos turísticos rexistrados.

Esta é unha das porcentaxes máis baixas no seo do bloque comunitario, onde alcanza 30% nos Países Baixos ou 24% en Austria.

Comentarios