Os Estados dan a aprobación definitiva á reforma constitucional da Xustiza en México

Após negarse a ceder á inxerencia estadounidense, o Congreso e a maioría 
dos lexislativos estatais deron luz verde.
A deputada do Congreso de Guerrero Araceli Ocampo durante a votación na madrugada da quinta feira. (Foto: Araceli Ocampo)
photo_camera A deputada do Congreso de Guerrero Araceli Ocampo durante a votación na madrugada da quinta feira. (Foto: Araceli Ocampo)

O Congreso de Guerrero converteuse na madrugada da quinta feira no 17º lexislativo territorial dos Estados Unidos Mexicanos en avalar a reforma constitucional da Xustiza federal, que aprobaran previamente a Cámara de Deputados e o Senado, superando o último requisito exixido pola Carta Magna, a validación das mudanzas pola maioría absoluta das lexislaturas estatais, polo que a iniciativa do presidente progresista Andrés Manuel López Obrador entrará en vigor cando a rubrique e sexa publicada no Diario Oficial da Federación, o que se prevé que aconteza o domingo.

Un dos aspectos chave da reforma, fortemente criticada desde os Estados Unidos, é que até 1.688 xuíces e xuízas, incluídas as do Supremo Tribunal de Xustiza da Nación (SCJN), serán elixidas por medio de eleccións, 21 dos postos cubriranse con votacións a nivel federal e o resto territorial, cuns primeiros comicios o vindeiro ano para renovar o máximo tribunal entre outros órganos e a metade das e dos xuíces e maxistrados de distrito. A outra metade serían elixidos en eleccións previstas para 2027.

No Supremo, redúcense os membros de 11 a 9 e diminúe o seu mandato, que pasa de 15 a 12 anos sen posibilidade de reelección. Tamén acaba coas pensións de por vida e fixa que os salarios no órgano non poden superar o do xefe de Estado. Na actualidade son máis de 60% máis altos. A selección das candidaturas efectuaranas os tres poderes públicos. Até o de agora, a Presidencia propuña unha terna ao Senado, que tomaba a decisión final.

Para optar ao cargo, amais dun título en Dereito, exíxense entre outros notas mínimas nas materias relacionadas coa posición e en xeral, así como un mínimo de cinco anos de experiencia.

Asemade, un novo Tribunal de Disciplina Xudicial e o Órgano de Administración Xudicial substituirán o actual Consello da Xudicatura Federal, responsábel de administrar e vixiar o cumprimento da lexislación no seo do poder xudicial.

O primeiro órgano estará integrado por cinco maxistradas e maxistrados electos para un período de seis anos, e o segundo por outras tantas, tres delas designadas polo SCJN, unha polo Executivo e outra polo Senado. Tamén inclúe novas normas procesuais, como un prazo máximo de seis meses para resolver disputas fiscais e dun ano para casos penais.

Outro dos aspectos da reforma é a posibilidade de incorporar “xuízas sen rostro”, unha figura que xa existe no Brasil, Colombia ou o Perú, para casos de narcotráfico ou cun alto grao de violencia e co fin de preservar a independencia da Xustiza fronte extorsións ou ameazas.

Nestas eleccións estará prohibido o financiamento público ou privado e que os partidos políticos tomen partido por algunha das candidaturas, que terán espazos en radio e televisión repartidos de forma igualitaria.

A reforma, impulsada polo mandatario e a súa formación, o Movemento de Rexeneración Nacional, e apoiada pola súa correlixionaria e presidenta electa, Claudia Sheinbaum, foi defendida por López Obrador como unha vía para acabar coa corrupción, o nepotismo e a alianza coa delincuencia organizada de parte da Xustiza, unha crítica especialmente dirixida ao SCJN e á súa presidenta, Norma Piña, á que inculpou por dar “manga ancha” as e os xuíces para liberar narcotraficantes.

Tamén fixo énfase en que o sistema xudicial está sometido ao poder económico e só responde a intereses conservadores. O certo é que máis de 90% dos delitos fican sen resolver.

A proposta foi cuestionada desde Washington, que asegurou que supón un risco para a democracia e a independencia xudicial, insistindo en que permitiría que o narcotráfico se insira na Xustiza aproveitándose de “xuíces inexpertos con motivacións políticas”. Ao tempo, reiterou que tamén ameaza a relación comercial bilateral e proclamou que afectaría á confianza das empresas estranxeiras que invisten no país.

Desde ese momento multiplicáronse as publicacións neste sentido. A prensa estadounidense sostivo que máis de 30.000 millóns de euros en investimentos estranxeiros foron retidos polo avance parlamentario da norma, e a axencia de cualificación crediticia Moody’s aseverou que pode “deteriorar a fortaleza económica e fiscal de México”, facendo fincapé “na preocupación dos investidores pola incerteza xurídica”. “Puro conto”, indicou a quinta feira López Obrador.

Amais das críticas no seo do poder xudicial mexicano, que está en folga por este motivo e no que Piña cualificou a reforma de “demolición” da Xustiza e abriu a porta a freala “a través dalgún mecanismo”, a estadounidense Margaret Satterthwaite, relatora da Organización das Nacións Unidas (ONU) sobre a independencia de xuízas e avogadas, tamén trasladou “profundas preocupacións” polas “amplas implicacións para a independencia xudicial”.

En última instancia, Human Rights Watch, que con anterioridade afirmara que o sistema xudicial “habitualmente non brinda xustiza”, sumouse a esta posición.

Malia que noutros países tamén se recolle a elección de cargos xudiciais por votación popular, como en 43 dos 50 sistemas de Xustiza estatais estadounidenses, Suíza ou Bolivia, en ningún abarca tantos niveis xudiciais como en México. No tocante á independencia xudicial, o común en boa parte do mundo é que estas designacións respondan a decisións do propio poder xudicial, do lexislativo ou do executivo. Este último é o caso da Xustiza federal nos Estados Unidos, no que o presidente designa todas as xuízas, incluídas as do Tribunal Supremo.

Independencia xudicial

En todo caso, “non hai nada que determina que un sistema electivo popular” non ten por que non garantir a independencia xudicial, explica a Nós Diario o avogado Fernando Branco, que matiza que sempre que “sexa suficientemente regulado para evitar un control dos xuíces”.

Á parte, fai énfase en que “en termos estritamente político-constitucionais non hai dúbida de que os xuíces escollidos por elección popular gozan da lexitimidade da soberanía popular”, algo “discutíbel” noutros modelos.

Amais, pormenoriza que “o auténtico sistema de garantía de independencia xudicial é un sistema de control democrático da función xudicial dos xuíces”, pondo como exemplo o Tribunal de Disciplina Xudicial que implementará México, pois a súa elección por votación popular vai ligada a “controis máis transparentes e engarzados na soberanía popular”.

A proposta máis polémica do Plan C

Malia ser a máis polémica, a reforma da Xustiza é so unha das 18 mudanzas constitucionais que compoñen o denominado Plan C de López Obrador, que busca aprobalas antes de abandonar o poder o 1 de outubro. Entre as reformas está garantir que os incrementos do salario mínimo non poidan ser inferiores á evolución da inflación, prohibir o fracking e a minaría a ceo aberto ou blindar as axudas a estudantes de familias vulnerábeis e outros programas sociais.

Comentarios