O BCE baixa os tipos de xuro presionado pola crise económica na Unión Europea

O Banco Central Europeo (BCE) volveu baixar na súa reunión de onte os tipos de xuro, nun contexto de importante estancamento económico na Unión Europea e onde as economías dos Estados centrais, particularmente de Alemaña, atravesan series dificultades, con especial impacto no sector industrial

EuropaPress_6206798_frankfurt_sept_12_2024____european_central_bank_ecb_president_christine
photo_camera A presidenta do BCE, Cristine Lagarde, presentando onte en Frankfurt (Alemaña) a rebaixa de tipo de xuros do euro. (Foto: Europa Press).

O Banco Central Europeo (BCE) aprobou na súa xuntanza de onte a segunda baixada dos tipos de xuro en catro meses. A nova rebaixa do prezo do diñeiro na zona euro é de 25 puntos básicos, co que o tipo de facilidade de depósito (DFR), desde onte o tipo de referencia, queda en 3,5%. Asemade, o tipo de operacións principais de refinanciamento (MRO) baixa a 3,6% e o tipo marxinal de crédito (MFL) a 3,9%,  ao executarse un axuste técnico que reduce os tres indicadores en 35 puntos básicos adicionais.

A presidenta do BCE, antiga ministra do francés Nicolas Sarkozy e ex directora xeral do Fondo Monetario Internacional, Cristine Lagarde, explicou a decisión sinalando que “[diante] da dinámica da inflación subxacente e a intensidade da transmisión da política monetaria, resulta apropiado agora dar un paso máis na moderación do grao de restrición”. Nesta liña, incidiu en que “os datos de inflación recentes foron, en conxunto, acordes co esperado”, mais “as condicións de financiamento seguen sendo restritivas e a actividade económica é aínda contida, como reflexo da debilidade do consumo privado e do investimento”.

Cristine Lagarde non fechou a porta ao retorno da suba dos prezos, mais considerouna unha posibilidade improbábel. Así, aseverou que “a inflación debería diminuír cara ao noso obxectivo na segunda metade do próximo ano”, pero matizou que “pode ser que volva aumentar no tramo final deste ano”. Nesta orientación, a decisión do BCE e as palabras da súa presidenta estiveron en liña coas avanzadas desde o propio organismo ao longo das últimas semanas.

Os responsábeis do regulador bancario da Unión Europea (UE) xustifican o cambio de rumbo  na política monetaria pola baixada de prezos no espazo comunitario a partir da segunda metade do ano 2023. Neste sentido, consideran que a mudanza na tendencia dos prezos está provocada pola eficacia das medidas adoptadas polo Banco Central Europeo, unha institución que ten nos seus estatutos como obxectivo principal a loita contra a inflación. Precisamente, o papel atribuído ao BCE na loita contra a inflación derívase da súa similitude co Bundesbank, o banco central alemán.

Un deseño neoliberal

As autoridades bancarias comunitarias, en coherencia coa orientación neoliberal da UE, consideran que a o aumento da inflación está asociada a un incremento excesivo da masa monetaria, cuxa redución pasa pola aplicación de medidas restritivas, concretadas nunha suba dos tipos de xuros que reduza a oferta de diñeiro. A este principio, responderon os sucesivos incrementos do prezo do diñeiro aplicados polo Banco Central Europeo desde xullo do ano 2022, que os economistas críticos denunciaron polos impactos negativos que provocaría no crecemento económico e no acceso ao crédito.

As correntes económicas heterodoxas, de inspiración keynesiana ou marxista, discrepan desta formulación ao entender que a suba de prezos non é nunca un fenómeno monetario, senón resultado da demanda e da busca de beneficios do capital.Nesta liña, a alza da inflación comezada na segunda metade de 2021 estivo ligada a un incremento nos prezos da electricidade e a un aumento dos lucros empresariais. A este respecto, o propio Fondo Monetario Internacional concluía nun informe presentado no ano 2023 que a causa da inflación na Unión Europea correspondía en 40% á repunta dos custos enerxéticos e en 45% a suba dos beneficios empresariais.

A crise de Alemaña

A decisión adoptada onte polo BCE non se entende sen as dificultades que atravesan algúns Estados da zona euro, especialmente aqueles cuxa economía era máis dependente do gas ruso. Nesta dirección, resulta paradigmático o caso de Alemaña, cunha economía estancada desde o ano 2019 e onde o Produto Interior Bruto só medrou nestes últimos cinco anos  0,3%, rexistrando diversos episodios de crecemento negativo nalgún deses períodos e cunha parte importante do seu sector químico e metalúrxico en proceso de deslocalización cara á China.    

A situación non é mellor en Austria. Así, o seu PIB caeu catro décimas no primeiro semestre de 2024, acumulando unha baixada de sete décimas en termos interanuais, tras fechar 2023 cun descenso de oito décimos. Neste contexto, enténdese que a Unión Europea se atopa nunha situación de estancamento, tras incrementar o seu produto interior bruto catro décimas en 2023 empuxado polos Estados do sur da zona euro, non sendo mellor as expectativas para este ano, cun crecemento conxunto da produción de dúas décimas no último trimestre de 2024.

Unha parte dos economistas consideran ás políticas do BCE como responsábeis da crítica situación económica no espazo comunitario. A este respecto, o profesor de Historia Económica na Universidade de Santiago de Compostela (USC) Adrián Dios explica a Nós Diario que “a suba de xuros fomenta a recesión porque dificulta o acceso ao crédito tanto de familias como de pequenas e medianas empresas, que poden ver aumentar os seus problemas de liquidez. Como consecuencia, ao diminuír o crédito tamén caerá o consumo, o que provoca feches de empresas e, polo tanto, aumento do desemprego". En paralelo, sinala o profesor da Universidade de Santiago, "prodúcese outro efecto coas mesmas consecuencias: ao aumentar os xuros existen incentivos a investir menos e aforrar máis”.

O Euribor sitúase por primeira vez desde o ano 2022 por baixo de 3%

Os tipos de xuro alcanzaron os seus máximos históricos ao longo de 2023 e 2024, presentando só uns rexistros máis elevados entre agosto de 2000 e maio de 2001. Neste sentido, o prezo do diñeiro comezou a ascender a partir de xullo de 2022, tras manterse nuns niveis de 0% desde marzo de 2016. Precisamente, o seu valor situouse por baixo de 1% en xullo de 2012, como parte das medidas adoptadas polo Banco Central Europeo (BCE) para responder a crise que padecía a Unión Europea (UE) no contexto da Gran Recesión.

O tipos de xuro fixados polo Banco Central Europeo inciden na operativa de particulares e empresas. Así, determina o valor do Euribor (acrónimo en inglés de Euro Interbank Offered Rate), é dicir, tipo europeo de oferta interbancaria, que é o indicador máis usado no Estado para calcular as hipotecas a tipo variábel. Neste sentido, explícase a caída do Euribor nos últimos días, colocándose esta semana por baixo de 3% por primeira vez desde o ano 2022.

'O voceiro da gran banca"

O  economista e colaborador de Nós Diario Manuel Barbeito sinala a este medio que “os tipos de xuro alto restrinxen o crédito e contraen o consumo, polo que o diñeiro deixa de fluír á economía real”. Na mesma dirección, Barbeito apunta que “os tipos de xuro alto xeran grandes beneficios á banca, que nos últimos anos viron como medraban as súas ganancias, e non podemos esquecer que o Banco Central Europeo é o voceiro da gran banca, sobre todo da alemá”.  

Comentarios