Inditex bate as súas propias marcas: gaña 2.768 millóns en seis meses e eleva as vendas un 7,2%

A compañía amósase "moi satisfactoria" cos resultados tanto en tendas físicas como 'en liña'.
Unha tenda de Zara, principal marca do grupo Inditex. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unha tenda de Zara, principal marca do grupo Inditex. (Foto: Nós Diario)

Inditex rexistrou un beneficio neto de 2.768 millóns de euros durante o primeiro semestre do seu exercicio fiscal 2024-2025 (entre o 1 de febreiro e o 31 de xullo), o que supón un incremento de 10,1% respecto ao mesmo período dun ano antes, segundo informou esta cuarta feira a compañía, que volve lograr novos récords cos seus resultados, aínda que con crecementos máis moderados, tal e como apuntaban os analistas.

As vendas creceron un 7,2% e alcanzaron os 18.065 millóns de euros, cunha evolución "moi satisfactoria" tanto en tenda como 'en liña' e "positiva" en todos os formatos, mentres que as vendas a tipo de cambio constante creceron un 10,2%.

O resultado bruto de explotación (Ebitda), pola súa parte, creceu un 8,1%, até 5.040 millóns de euros, mentres que o resultado neto de explotación (Ebit) creceu un 11,9%, até 3.541 millóns de euros, e o resultado antes de impostos un 10,6%, alcanzando os 3.598 millóns de euros. A marxe bruta creceu un 7,5%, até 10.541 millóns de euros, e situouse en 58,3% das vendas, 19 puntos básicos encima do primeiro semestre do exercicio anterior.

A compañía abonará o dividendo final do exercicio 2023 (0,77 euros por acción) o próximo 4 de novembro

"O deseño e a calidade da nosa proposta de moda e a experiencia que ofrecemos aos nosos clientes son, xunto á eficiencia e a crecente sustentabilidade das nosas operacións, as claves da solidez destes resultados. O noso modelo totalmente integrado continúa xerando oportunidades de crecemento rendíbel en todos os conceptos, rexións e canles", destacou o conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras.

Máis de 5.000 tendas

As vendas en tenda e 'en liña' a tipo de cambio constante entre o 1 de agosto e o 8 de setembro de 2024 creceron un 11% con respecto ao mesmo período de 2023. No seu primeiro semestre, a compañía realizou aperturas en 34 mercados e ao feche do período, Inditex operaba 5.667 tendas.

Inditex destacou que todas as liñas de gasto mostraron unha evolución favorábel. Así, os gastos operativos creceron un 6,8%, por baixo do crecemento das vendas; incluíndo todos os cargos por arrendamentos, 102 puntos básicos por baixo do crecemento das vendas.

Do mesmo xeito, o grupo fundado por Amancio Ortega resaltou que o bo desempeño operativo reflectiuse nunha "forte" xeración de fondos. Os fluxos xerados antes dos pagos por impostos sobre beneficios alcanzaron os 4.356 millóns de euros no seu primeiro semestre, cun incremento de 9%. A posición financeira neta creceu un 3,5%, até 10.911 millóns de euros ao feche do seu primeiro semestre fiscal.

Inditex ten presenza en 214 mercados, cunha baixa cota en cada un deles e nun sector altamente fragmentado

Debido ao forte desempeño operativo, o inventario reduciuse un 1,7% ao 31 de xullo de 2024 respecto á mesma data do ano anterior. A compañía abonará o dividendo final do exercicio 2023 (0,77 euros por acción) o próximo 4 de novembro.

Oportunidades de crecemento

Inditex asegurou que continúa vendo "grandes oportunidades de crecemento" e, neste sentido, sinalou que as súas prioridades son "a mellora continua da súa proposta de moda, a optimización da experiencia de cliente, o avance na sustentabilidade e a preservación do talento e o compromiso das súas persoas".

"Manter estas prioridades impulsará o crecemento a longo prazo", destacou a compañía, que indicou que para levar o seu modelo de negocio ao seguinte nivel e ampliar "aínda máis" a súa diferenciación, está a desenvolver unha serie de iniciativas en todas as áreas crave para os próximos anos.

Inditex ten presenza en 214 mercados, cunha baixa cota en cada un deles e nun sector altamente fragmentado, polo que a compañía ve "fortes oportunidades de crecemento".

Inditex prevé que o crecemento do espazo bruto anual no período 2024-2026 sexa de ao redor de 5%, á vez que estima unha contribución positiva do espazo á venda anual nese período, en conxunción cunha "forte" evolución das vendas 'en liña'.

Comentarios