Unha exposición percorre 100 anos de deseño galego

A Fundación DIDAC de Compostela acolle a mostra até o vindeiro 31 de outubro. 
Vista dunha das salas da mostra. (Foto: Fundación DIDAC)
photo_camera Vista dunha das salas da mostra. (Foto: Fundación DIDAC)

Esta terza feira, 10 de setembro, a Fundación DIDAC inaugurou na súa sede de Santiago de Compostela a exposición Galicia. Procesos e formas. Un percorrido gráfico, unha nova versión da exposición que representou a Galiza na última edición da Porto Design Biennale titulada, Galicia. Procesos e formas, na que, a partir de obxectos, exemplos de gráfica aplicada, materiais, produtos innovadores e documentos inéditos se trazaba un percorrido por certos aspectos do deseño na Galiza que quedaron recollidos en dúas publicacións.

A selección de traballos que se presentan nesta ocasión é unha escolma do material gráfico que deu forma a mostra. A exposición recolle os fitos máis destacados do deseño na Galiza a partir dunha serie de traballos de profesionais e empresas clave desde os anos vinte do século pasado até hoxe.

Segundo os responsábeis da Fundación Didac, a mostra "quere responder ás preguntas De onde vimos? Quen somos? e Onde imos?, esas grandes dúbidas da filosofía, que en clave galega lémbranse por ser o título e retrouso dunha das cancións máis coñecidas do grupo Siniestro Total. A Galiza reivindicábase como sitio distinto dunha maneira máis desenfadada que cando o celtismo e o atlantismo sustentaban a identidade galega nos anos vinte ou setenta, para deixar paso nos oitenta a manifestacións contraculturais que camiñaron paralelamente á normalización e profesionalización do deseño".

A exposición estrutúrase como unha paisaxe que proxecta a variedade do deseño na Galiza, desde as primeiras publicacións e a renovación gráfica da industria editorial -que será caldo de cultivo e ideas para sectores industriais e económicos que se apoiarán no deseño para competir e diferenciarse-, até o papel dos oficios e os costumes da cultura popular, o que Luís Seoane describiu como "formas inéditas". Ademais, reflicte como o deseño foi cobrando autoridade grazas a unha aposta das administracións públicas, institucións e empresas que sentiron a necesidade de renovación.

 Galicia. Procesos e formas. Un percorrido gráfico propón un relato que mostra as posibilidades dunha innovación que valora a tradición e atende a premisas de desenvolvemento sostíbel co deseño como motor e ferramenta diferencial.

A mostra poderá verse até o 31 de outubro.

Comentarios