O BNG propón implantar trens de dobre composición no Eixo Atlántico para aumentar as prazas dispoñíbeis

Néstor Rego defende esta fórmula, unindo dous trens para o mesmo servizo, co obxectivo de aumentar as prazas dispoñíbeis e atender a alta demanda desta liña.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas para que o Goberno do Estado, nomeadamente o Ministerio de Transportes, atenda a alta demanda dos servizos ferroviarios no Eixo Atlántico.

A formación nacionalista reclama incorporar os trens de dobre composición para todos os servizos do Eixo Atlántico ferroviario para atender a carencia de prazas que existe. Así mesmo, urxe ao departamento que dirixe Óscar Puente pór en marcha o Plan de Puntualidade, incorporando o incremento dos servizos, e realizar unha planificación adecuada na venda de billetes, "especialmente para o período de Nadal abrindo a venda canto antes".

Segundo defende o Bloque nun comunicado, unir dous trens para realizar o mesmo servizo aumentará a oferta semanal en máis de 7.300 prazas", co que se poderán paliar os picos de demanda que se producen nas fins de semanas, especialmente venres e domingo, e algúns días da semana".

Rego fai fincapé nun aumento de prazas, demandado desde hai tempo tanto polas propias persoas usuarias como polo seu partido, "imprescindíbel para o Eixo Atlántico ferroviario". Neste sentido, a organización nacionalista chama a "dar canto antes un servizo adecuado ante o aumento de demanda co retorno dos estudantes e o reinicio da actividade laboral completa despois das vacacións estivais".

Máis prazas e frecuencias

"A medida é necesaria para aumentar o número de prazas nun dos corredores ferroviarios con maior demanda do Estado e debera aplicarse para reforzar o conxunto dos servizos diarios e non só nos picos de demanda. A falta de prazas no Eixo Atlántico é sobradamente coñecida e non se limita a momentos concretos, é algo estrutural", defende o deputado do BNG no Congreso.

Néstor Rego lembra, ademais, a falta de frecuencias nas franxas horarias da primeira hora, mediodía e tarde-noite, "outra constante que acumula anos de reivindicacións e queixas de usuarios e usuarias".

No mesmo comunicado o BNG sinala outra queixa recorrente das usuarias do tren na Galiza: os retrasos, as incidencias e as avarías, unha preocupación habitual para quen se move  a diario no Eixo Atlántico ou collen os trens de media distancia e os Avant. Para acabar coas demoras, apunta Rego, "o Ministerio debe pór en marcha o Plan de Puntualidade, incorporando o incremento dos servizos".

Avril por Alvia

"Cando prevé a substitución dos trens Alvia polos trens da serie 106? Será posíbel antes de finalizar o ano?", cuestiona o deputado nacionalista en iniciativas rexistradas para unha resposta escrita por parte do Goberno.

Rego alude os atrasos estimados para que culmine o proceso de substitución dos Alvia polos novos trens Avril, debido a problemas de fiabilidade. Xa non terá lugar a inicios de outubro como estaba previsto, sinala, polo que cómpre "preguntar polo novo calendario que manexa o Ministerio para realizar esta substitución e que medidas articulará mentres non se complete" .

Por último, lembra, o que sucede cos trens Avril na conexión de alta velocidade da Galiza coa Meseta é un problema distinto que non incide na vida diaria dos galegos e das galegas e que segundo explicou o propio Ministro de Transportes obedece á falla de fiabilidade dos trens da serie 106, as obras de ampliación da praia de vías en Chamartin e as incidencias no Intercambiador de Taboadela.

Segundo datos da Xunta de Galiza, 90% dos trens Avril tiveron retrasos nos pasados meses, "unha situación que precisa de actuación urxente para darlle solución, ademais de atender á mobilidade diaria dos galegos e das galegas cuxas deficiencias, problemas e necesidades deben ser unha prioridade".

Comentarios