O BNG activará a comisión de investigación sobre os contratos da Xunta e o sobrecusto do Álvaro Cunqueiro

A formación nacionalista fará valer o seu peso no Parlamento galego para activar unha comisión de investigación sobre os contratos da Xunta da Galiza con empresas como Eulen ou o sobrecusto da construción do hospital Álvaro Cunqueiro sinalado polo Consello de Contas.
Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)

Segundo avanzou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, durante a súa intervención no debate sobre a posta en marcha desta comisión, que o Bloque levou a votación no primeiro pleno do período de sesións que arrincou na mañá desta terza feira, o BNG impulsará unha comisión de investigación sobre os contratos da Xunta malia os votos en contra do PP no Parlamento.

O Bloque empregará o mecanismo do regulamento da Cámara que outorga capacidade aos grupos con polo menos un terzo dos asentos no hemiciclo do Pazo do Hórreo para crear comisións de investigación.

"Imos usar a forza dos nosos 25 deputados para que se investigue", aseverou Pontón quen, con todo, convidou ao PP para votar a favor da posta en marcha desta comisión "se non ten nada que esconder". "Se responden cun veto será unha declaración de responsabilidade", apostilou.

De Eulen aos contratos Covid

O BNG levou ao Pleno a solicitude de creación dunha comisión de investigación, segundo o previsto no artigo 52.1 do Regulamento do Parlamento, "sobre irregularidades, amiguismo e nepotismo na contratación da Xunta, con referencia específica ao sobrecusto de 470 millóns de euros na contratación polo sistema de concesión da construción e xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro, a contratación co grupo Eulen entre 2009 e 2023 e os vínculos familiares desta empresa co ex presidente da Xunta e actual presidente do PP", Alberto Núñez Feixoo.

A proposta de investigación atinxe, ademaiso coñecemento e fiscalización da documentación dos contratos de emerxencia da Covid nos anos 2020-2021, especialmente os contratos coas empresas Universal Suport, Sibucu 360 e Mape Asesores".

A posta en marcha da comisión contou con 35 votos a favor, de BNG, PSE e Democracia Ourensá, e os 39 en contra, do Partido Popular. Porén, como explicou a voceira nacionalista o artigo 52.1 bis do regulamento da Cámara galega estabelece que se poderá "crear de forma automática unha única comisión de investigación por lexislatura se o solicitase un terzo dos deputados e deputadas da Cámara que pertenzan a un mesmo grupo parlamentario, ou as dúas quintas partes dos deputados e deputadas da Cámara".

Trátase da segunda ocasión desde a reforma do regulamento no ano 2015 que se empregará o mecanismo que permite crear comisións de investigación sen a aprobación da maioría do pleno. A primeira produciuse na X Lexislatura (2016-2020), cando En Marea, PSdeG e BNG uníronse para, con dous terzos dos 75 asentos do hemiciclo, poñer en marcha unha investigación parlamentaria sobre os recortes en sanidade, aínda que a falta de acordo co PP para a configuración da lista de comparecentes levou os grupos da oposición a desentenderse do desenvolvemento da mesma e organizar unha comisión "paralela".

[EN AMPLIACIÓN]

Comentarios