Protección da saúde e prevención de riscos laborais: novos dereitos para as empregadas do fogar

Máis de 24.000 persoas, fundamentalmente mulleres, traballan na Galiza como empregadas do fogar, un colectivo lastrado pola precariedade e a economía somerxida.
Unha muller pasando o ferro. (Foto: Trepalio)
photo_camera Unha muller pasando o ferro. (Foto: Trepalio)

O Goberno español aprobará esta terza feira no Consello de Ministros e Ministras un real decreto co que se pretende dotar de seguridade e aumentar os dereitos das empregadas do fogar, segundo confirmaron a Europa Press fontes do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Entre as novidades que recolle o novo texto normativo para ampliar o os dereitos do colectivo e protexer a súa saúde no traballo, incluirase un recoñecemento médico voluntario, que poderá ser único por cada persoa traballadora, aínda cando preste servizo por conta de varias persoas empregadoras.

Para facilitar que estes novos dereitos se apliquen e non supoñan carga algunha para familias e persoas empregadoras, o Ministerio de Sanidade promoverá a inclusión da realización gratuíta dos recoñecementos médicos na carteira de servizos comúns do sistema de saúde.

Prevención de riscos

Ademais, ofrecerase unha ferramenta gratuíta elaborada polo Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) que facilitará ás persoas empregadoras o cumprimento das obrigacións relativas á avaliación de riscos.

Igualmente, o INSST elaborará unha guía técnica para a prevención dos riscos laborais no traballo doméstico e un protocolo en caso de acoso. O real decreto tamén inclúe unha ferramenta de formación gratuíta do SEPE.

Así mesmo, regúlase o dereito das persoas traballadoras á paralización da actividade en caso de risco grave e inminente, sen que iso poida entrañar ningún prexuízo para a persoa traballadora.

Ademais, as cotas á seguridade social están bonificadas até 45%. Desta forma, segundo sinalan as mesmas fontes, "termina unha exclusión histórica" e as empregadas de fogar deixarán de ser "invisíbeis".

Igualdade de dereitos

Con esta reforma dos dereitos laborais das empregadas do fogar, o Estado español viría a cumprir os acordos estabelecidos no Convenio 189 da Organización Internacional do Traballo (OIT), que entrou en vigor o pasado mes de febreiro.

O tratado, aprobado en 2011 e pendente de aplicación efectiva desde entón,  recoñece para as traballadoras domésticas os mesmos dereitos que para o resto de traballadoras en materia de prevención de riscos laborais, despedimento e protección do desemprego.

 As demandas de igualdade de dereitos e a dignificación laboral para as empregadas do fogar é un vello reclamo deste colectivo profesional na Galiza, que segundo datos da CIG supera as 24.000 traballadoras.

Comentarios