A alcaldesa do Valadouro renuncia e apoiará o candidato do PP como novo rexedor

María José Fernández Díaz, dimitirá nun pleno esta sexta feira e no prazo de 10 días cederalle a Alcaldía a José Manuel Lamela, do Partido Popular.
Concello do Valadouro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concello do Valadouro. (Foto: Nós Diario)

A alcaldesa do Valadouro (A Mariña), María José Fernández Díaz, do partido Unión Democrática Independente do Val (Udival), anunciou a súa dimisión e, a seguir, confirmou que entregará a Alcaldía ao cabeza de lista do PP, José Manuel Lamela.

Ambas as dúas formacións informan desta saída nun comunicado conxunto e asinado polos dous responsábeis, despois da "total perda de confianza" dos concelleiros de PSOE e BNG que apoiaran a Fernández Díaz para facerse co bastón de mando malia recibir o menor número de votos nas eleccións de maio de 2023.

En concreto, Udival obtivo unha única acta, mentres que o PSOE e o BNG se fixeron con dúas cada un e votaron a candidata independente no pleno de investidura. O PP fora primeira forza con catro concelleiros, a un da maioría absoluta.

Seguirá como concelleira

No comunicado divulgado esta terza feira, a alcaldesa avanza a súa dimisión, que se formalizará nun pleno esta sexta feira, 13 de setembro, pero coa intención de "manter a acta de concelleira electa e de permanecer na corporación municipal até final do actual mandato".

Fernández Díaz vén de cesar os edís socialistas e nacionalistas que a acompañaban no Goberno local, á vez que nomeou Lamela primeiro tenente de alcaldesa antes de que se celebre o pleno que o investirá como novo rexedor, para o que contará co apoio de Udival. Isto ocorrerá nun prazo máximo de 10 días a contar desde a dimisión da alcaldesa.

María José Fernández Díaz "seguirá traballando con absoluta transparencia, dedicación e esforzo en mellorar a xestión pública local no que resta de mandato", pero xa non como alcaldesa, senón como concelleira electa por Udival, sinala no comunicado.

Lamela xa ostentou o bastón de mando entre 2011 e 2013, ano no que saíu adiante unha moción de censura apoiada, precisamente, por PSOE, BNG e Udival.

Comentarios