Edelmiro López, profesor da USC: "Na mellor das hipóteses, Altri crearía 281 empregos directos fronte aos 500 que anuncia"

Edelmiro López é profesor do Departamento de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. Doutor en Económicas, foi director do Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza e director xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta. É coordinador do grupo de investigación de economía agroalimentaria e medioambiental da USC e coautor do informe do Consello da Cultura Galega sobre o proxecto de Altri na A Ulloa. 
O doutor Edelmiro López na Facultade de Ciencias Económicas da USC. (Foto: Arxina)
photo_camera O doutor Edelmiro López na Facultade de Ciencias Económicas da USC. (Foto: Arxina)

O doutor en Ciencias Económicas Edelmiro López recibiu a petición do Consello da Cultura Galega (CCG) para participar no informe sobre o proxecto de Altri, “unha petición que aceptei igual que teño aceptado outras, tanto galegas, coma de España e internacionais”. Diante do balbordo xerado arredor do informe, López Iglesias deixa claro que “é o procedemento habitual das comisións temporais, e o resultado é o informe que se presentou”, un documento que “pretende, non dicir Altri si ou Altri non, senón dar elementos de xuízo para un debate social racional”.

A súa parte do informe avalía os impactos socioeconómicos do Proxecto Gama para a construción da celulosa de Altri na Ulloa. Que destacaría das conclusións?
Como principais conclusións, hai unha que teño visto pouco sinalada: no proxecto están previstas dúas fases, unha até 2030 e outra que eventualmente se levaría a cabo nun horizonte indefinido máis aló de 2030. Chamounos a atención ao analizar a documentación dispoñíbel que desde o punto de vista económico só existe a primeira fase, só hai datos económicos na primeira fase, na que din que a produción sería de 250.000 toneladas de celulosa solúbel e 60.000 de lyocell. Fálase dunha segunda fase con 400.000 e 200.000 toneladas, respectivamente, pero sobre esta segunda fase non hai compromisos, nin horizonte temporal nin ningunha previsión sobre como se financiaría.

"Hai risco de efectos negativos importantes no proxecto de Altri para o sector agroalimentario"

Cales serían os principais impactos desa celulosa desde o punto de vista económico?
Falamos dun proxecto de gran tamaño, perto de 1.000 millóns de investimento, pero os impactos directos son relativamente modestos porque o volume de facturación en relación ao investimento é comparativamente baixo. Esta é unha actividade moi intensiva en capital e pouco intensiva en traballo. Nos impactos indirectos o que máis nos chamou a atención é que a maior parte non beneficiaría a empresas radicadas na Galiza, senón que implicaría importación de insumos de fóra. Os impactos indirectos na economía galega son modestos e nas catro comarcas da contorna habería unha parte pequena dese impacto. O que si detectamos é o risco de efectos negativos importantes sobre outras actividades económicas, principalmente o turismo e o sector agroalimentario, onde hai un perigo importante de efectos negativos. 

Altri sinala no seu Estudo de Impacto Ambiental "comarcas deprimidas". Están desa maneira ben descritos eses territorios?
Falamos dunhas comarcas que de ningún modo podemos cualificalas de deprimidas. Son comarcas cunha estrutura económica diversificada. Cos datos de evolución demográfica e económica vemos unha dinámica favorábel dentro do contexto do rural galego. Son catro comarcas que teñen a principal actividade gandeira da Galiza. Un proxecto como este podería ter un efecto positivo sobre a produción agroalimentaria da zona, na medida en que levase un incremento da poboación e a demanda de alimentos, pero cos datos dispoñíbeis  podemos asegurar que van ser moito máis importantes os impactos negativos.

Con eses datos sobre a mesa, cales serían os principais efectos negativos da celulosa sobre o sector agrogandeiro?
Serían impactos negativos por dúas vías: a competencia máis forte dos usos forestais do solo co uso agrogandeiro da terra, que limitaría a posibilidade das explotacións gandeiras de ampliar a súa base territorial. Máis alá de que a empresa diga que a súa vontade non é aumentar as plantacións de eucalipto, calquera de primeiro de Economía sabe que se introduces unha empresa que vai demandar un volume moi elevado de madeira de eucalipto, iso é un estímulo para que os propietarios de terras fagan novas plantacións que competirían co uso agrogandeiro das terras. A segunda vía é o previsíbel deterioro da percepción social dos produtos agroalimentarios da zona.

Chama a atención a importante rebaixa no emprego entre as cifras que dan Altri e a Xunta e as que aparecen no informe.
A empresa fala de 500 empregos directos e 2.000 indirectos. Non atopamos en toda a documentación ningún cálculo nin explicación que sustente estas cifras. Nós para estimar cantos empregos directos xeraría a planta seguimos un método moi simple. A empresa presentou a finais de 2022 unha memoria xustificativa económica para a declaración de plan industrial estratéxico (PIE), aí está a conta prevista de resultados de  2025 a 2030 cunha cifra prevista cada ano para destinar a gastos de persoal. O que fixemos foi simplemente partir desa cifra entre 12,8 e 13 millóns de euros, tomamos o custo medio por empregado nas empresas do sector e a retribución media por empregado na industria de papel na Galiza, todos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Con eses cartos que a empresa prevé para gastos de persoal, saen entre 361 e 281 empregos directos. Para estimar os indirectos construímos un modelo imput-output e estimamos por cada emprego directo cantos indirectos se crearían. A empresa anunciaba 2.000 indirectos para 500 directos, unha relación de 1 a 4, a nós dános un máximo dunha relación de 1 a 1, polo que na mellor das hipóteses a estimación é de 281 empregos directos fronte aos 500 que di a empresa e 263 indirectos. En total 544 sumando directos e indirectos.

Por que logo a cifra de 500 directos e 2.000 indirectos que repiten Altri e a Xunta?
Estariamos dispostos a debater os cálculos, pero na documentación da empresa non atopamos cálculos que sustenten os seus 2.500 empregos directos e indirectos. Salvo que a empresa fale do proxecto completada a segunda fase, pero eses datos non existen. É pouco máis da quinta parte dos que foron anunciados pero sen explicar de onde sae esa cifra. O cálculo máis exacto que se pode facer é este.

Nesa memoria económica que a empresa presentou para ser proxecto industrial estratéxico, fálase de beneficios?
Na memoria, a empresa estima que sen subvencións públicas obtería unha taxa de beneficio anual (taxa interna de retorno) de 7,4%, o que permitiría recuperar o investimento en 15 anos. E tendo 25% de subvención iso elevaría a taxa de beneficio anual a máis de 10% e recuperarían o investimento en 12 anos. O proxecto prevé facturar 200 millóns de euros ao ano. Chama a atención que do Valor Engadido Bruto (VAB) a maior parte iría a excedente bruto empresarial, moi pouco mesmo comparado con outras empresas de celulosa.

"As persoas que participamos no informe temos unha traxectoria científica acreditada"

Estes días a Xunta e o PP cualificaron os autores do informe de “supostos especialistas” e mesmo “opinadores”. Cómo sentou isto na comunidade científica?
As persoas que participamos na elaboración do informe temos todas unha traxectoria científica acreditada, que calquera pode ver. No meu caso teño participado na elaboración de informes para institucións internacionais, tamén para distintos Gobernos. Para o Ministerio de Agricultura de España a comezos do ano 2000 cando gobernaba o Partido Popular, e para diferentes consellarías da Xunta na última década. Se somos “supostos expertos” non se entende como persoas supostamente da súa órbita política consideraron no seu momento que era válida a nosa colaboración. Non fixemos opinión, chegamos a conclusións a partir de datos. O que si son meras opinións son as descualificacións de brocha gorda sen entrar no contido do informe. Supoño que iso serve para a comunicación política, pero non parece moi rigoroso.

Dos informes que encargou a Xunta só coñecemos algúns por filtracións a algúns medios, que opinión lle merecen os que saíron até o de agora?
Aplicando o rigor que lles pido aos responsábeis da Xunta á hora de valorar o informe do Consello da Cultura Galega, eu mentres non vexa os informes completos elaborados polos distintos departamentos da Xunta prefiro non valoralos, porque só coñezo as referencias publicadas en prensa. Si me gustaría que houbese tamén un informe sobre os impactos socioeconómicos, que non teño noticia de que estea previsto.

Comentarios