Os do resto de España... e os de fóra

Albino Prada é profesor da UVigo. Investigador de Ecobas e membro do Consello Científico de Attac.
Case 14 de cada 100 residentes en España naceron nunha comunidade autónoma distinta daquela na que residen. (Foto: Elaboración do autor a partir do Censo de Poboación do INE)
photo_camera Case 14 de cada 100 residentes en España naceron nunha comunidade autónoma distinta daquela na que residen. (Foto: Elaboración do autor a partir do Censo de Poboación do INE)

Ao longo do século XX foi tomando forma o que na actualidade é a formación social capitalista do Reino de España. Como non podía ser doutro xeito ese proceso tivo unha dinámica desigual no eido territorial en boa medida determinado polas desiguais posicións de partida definidas en séculos anteriores. Sobre todo Cataluña e o País Vasco tiñan a comezos do século un tecido empresarial e manufactureiro importante, mentres que outros territorios (como Galicia, Andalucía ou Estremadura) tiñan unha estrutura económica basicamente rural e agraria. Conta aparte sería Madrid que, como capital do Estado (o que noutras latitudes sería un distrito federal) medraba a conta dos servizos administrativos, financeiros e de cabidos a eles asociados.

Con estes fundamentos o sistema capitalista fixo o que sabe facer: mover a man de obra que precisa duns territorios a outros. É algo fundamental porque así consigue puxar á baixa os salarios e condicións laborais dos traballadores das áreas máis ricas e industrializadas, pois os que chegan veñen de territorios empobrecidos e, de entrada, sen cultura sindical ou de defensa dos dereitos laborais. Cataluña e o País Vasco, pero tamén Madrid, entre outras nacións e territorios do Estado, viron medrar as empresas, lucros e acumulación capitalistas grazas, en boa medida, ás achegas de traballadores galegos, andaluces ou estremeños que facilitaron en moito ese tipo de crecemento económico. O que non é alleo a que hoxe sexan as nacionalidades ou rexións máis ricas do Reino de España.

Contas públicas

Rastros deste proceso –de tan longo percorrido– aínda aboian nas cifras do último Censo de Poboación (INE, 2023), tal e como recollemos na gráfica que acompaña o texto e que fala por si soa. Porque a día de hoxe case 14 de cada 100 residentes en España naceron nunha comunidade autónoma distinta daquela na que residen. Pero esa cifra é moi desigual: así en Madrid son 22 e en Galicia non chegan a seis. Baleares, Cataluña e País Vasco acompañan a Madrid neste podio de territorios favorecidos por ese trasfego de man de obra de reserva, mentres Galicia, Andalucía ou Estremadura foron subministradoras deses traballadores que eran necesarios para o crecemento económico capitalista daquelas outras. 

Galicia, Andalucía ou Estremadura subministraron traballadores que eran necesarios para o crecemento económico capitalista de territorios hoxe favorecidos

As primeiras son as que a día de hoxe terían que favorecer o benestar social, redistribuíndo recursos fiscais, por exemplo, das segundas, pois o seu PIB, as súas empresas e os seus ingresos non se explicarían sen o concurso da poboación daquelas (ou doutros recursos). Por iso non semella de recibo falar hoxe de separar as contas públicas de cada territorio como se nada común tivese sucedido para explicar esas contas nos últimos cen anos. Por iso son dos que prefiro acordar unha federación de nacións que unha confederación fiscal de facto (autonómica no resto). Para non facer o parvo.
Claro que cando estas emigracións aínda estaban vivas dentro de España, e mesmo seguían vivas cara a fóra, o crecemento capitalista español tamén botou man –sobre todo nos últimos 40 anos– de traballadores de fóra de España que favoreceran de novo o freo dos salarios internos e axudasen a erosionar os dereitos laborais (xornada, contratos, condicións, etc.) achegando inmigrantes externos a maiores daqueles inmigrantes internos.

Migracións

Os datos do mesmo censo de poboación informan que a porcentaxe destes inmigrantes externos entre o total de residentes supera xa os internos (17% fronte a 13%) no conxunto do Reino de España. E así entendemos o seu papel no sector servizos (hostalería, atención nos fogares) e nas actividades máis penosas (construción, obra pública, etc.). E van ser de novo as nacións e territorios de maior PIB os que máis precisen destes recursos. Baleares ten 26 inmigrantes externos fronte a 20 internos (de cada cen residentes), Madrid iguala os internos e os externos (con millón e medio de cada un deles); Cataluña, 22 fronte a 14, e só no País Vasco aínda é maior a cota dos internos (17%) fronte aos externos (12%).

No caso dos territorios menos ricos de España, que durante décadas achegaron traballadores aos máis ricos, anótase na actualidade algo non pouco importante: que os residentes que viñeron de fóra de España nas últimas décadas superan os –non moi numerosos– que proceden doutras partes de España. Así, en Galicia os externos son xa 11 e os internos seis (sempre de cada cen residentes) e en Andalucía cifras semellantes. Seguen a ser as áreas de maior PIB as maiores receptoras.

Comentarios