“Moita uva sen recoller, pouca conselleira”: Protesta de produtores da Ribeira Sacra

Ducias de viticultores concentráronse en Monforte para denunciar a falla de medidas suficientes por parte da Xunta da Galiza ante o problema xerado polos 1,3 millóns de quilos de uva sen colleitar.

RibeiraSacra_Monforte6set24-resultadoxuntanza
photo_camera Concnetración ante o CRM en Monforte (Foto: SLG)

Produtores da Denominación de Orixe Ribeira Sacra consideran “insuficientes” as axudas e medidas adoptadas pola Xunta da Galiza para facer fronte á problemática derivada de que ficasen 1,3 millóns de quilos de uva sen recoller.

A concentración diante do Consello Regulador Ribeira Sacra (Monforte, comarca de Terra de Lemos) en demanda de medidas urxentes para o sector estaba convocada polo Sindicato Labrego Galego (SLG) e Unións Agrarias (UUAA).

“Se a Xunta non presenta unha nova proposta a seguinte mobilización terá lugar no Consello Regulador en Lugo a vindeira sexta feira, día 13.", afirman.

Entre os lemas dos concentrados: "Moita uva sen recoller, pouca consellera" ou "Non hai Ribeira Sacra sen viticultoras"

Representantes do SLG e UUAA fixeron entrega dun escrito compilando as seguinte proposta de medidas para tentar, por unha parte, que a vendima 2024 “non sexa un auténtico desastre” para a Denominación de Orixe e para toda a Ribeira Sacra e, por outra, medidas para ter futuro.

Unha das peticións é que o pleno do Consello Regulador inste a Consellaría de Medio Rural para que tomen “medidas realmente efectivas para que aos viticultores e ás viticultoras que lles quede a uva sen recoller, teñan unha compensación económica que cubra, como mínimo, os custos de produción nos que incorreron durante todo o ano”. As medidas publicadas esta semana non serven, afirman as organizacións agrarias, e non van impedir que quede a uva nas vides “e que toda a perda vaia ser a cargo do viticultor ou viticultora”.

Demandan tamén que se forme un grupo de traballo amplo para abordar a situación actual e as medidas para o futuro. As medidas que se poder estudar son, afirman, a poda en verde e baixar rendementos; destilación de crise, limitar plantacións...

Tamén reclaman os produtores a devolución das taxas cobradas ás persoas inscritas que este ano non poidan vender uva por causa que que non hai adega que lle recolla.

“As medidas anunciadas esta semana pola Consellaría do Medio Rural para xestionar a crise de excedentes na Ribeira Sacra, ademais de insuficientes, concretaranse inda dentro de moitos meses despois de que teña lugar a vendima, as medidas propostas hoxe permitirían abordar esta situación xa”, lamentan as convocantes.

Comentarios