Análise

Altri ameaza solo rico en magnesio

Antoniuo Presas é xeógrafo e escritor.
Planicie da Vacariza, o solo presenta un alto contido en magnesio. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Planicie da Vacariza, o solo presenta un alto contido en magnesio. (Foto: Nós Diario)

A cuestión que aquí se expón aínda está por investigar e, logo de investigar, seguramente, por descubrir, pero, sen investigar non se pode descubrir.  O asunto real é que na zona da Vacariza, concello de Palas de Rei (A Ulloa), onde a impertinente e arrasadora Altri pretende construír unha perigosa macroplanta de celulosa, ocupando, incomprensiblemente, 366 hectáreas, ten unhas características "edáficas" moi especiais; tan especiais que neste medio foron catalogadas catro plantas de carácter endémico: Santolina melidensis, Armeria merinoi (herba de namorar), Leucanthenum gallaecicum (magarza) e Centaurea gallaecica. Unhas plantas perfectamente adaptadas aos terreos afectados polo denominado "síndrome serpentínico".

Proceso de formación dos solos

Pois ben, de aquí é de onde parte a nosa reflexión, empezando pola formación dos solos. Estes fórmanse debido á intervención de varios elementos, factores e procesos: material xeolóxico, relevo, tempo, clima e actividade biolóxica das plantas.

O material xeolóxico proporciona a maior parte dos minerais existentes nun solo mediante transformacións químicas e liberación de partículas coloidais, exercendo un forte control na súa textura e composición química. Na zona da Vacariza o material xeolóxico dominante son as peridotitas, rochas formadas no manto terrestre, a gran profundidade.

O relevo é un formador de solo de tipo pasivo, que actúa en función das pendentes, polo que a meteorización, acumulación de humus e actividade erosiva actúan con diferente intensidade.

O terceiro factor pasivo que intervén na formación do solo é o tempo, por iso o seu grao de madurez pode ser variable, aínda que o normal é que os solos presenten un carácter policíclico.

De todos os procesos que interveñen activamente na formación dun solo o clima é un dos máis importantes e aquí debemos ter en conta varios elementos climáticos: a humidade, a temperatura e o vento.

A actividade biolóxica, tanto de plantas como de animais, ten unha grande influencia no desenvolvemento do solo. A macroflora (árbores, arbustos e herbas) contribúe á formación de humus (humificación), mentres que a microflora (bacterias, fungos) descompón parte dese humus enriquecendo o solo de minerais ou captando nitróxeno gasoso da atmosfera e converténdoo en nitróxeno asimilable polas plantas (fixación do nitróxeno).

Os solos da Vacariza e a serra do Careón contñen unha elevadísima cantidade de magnesio, que alcanza 47% da rocha do subsolo

A acción dos animais é máis ben de tipo mecánico (miñocas, formigas, toupas, ratas, etc.), polo que a súa influencia non é tan importante.

Os anteriores procesos ou factores non actúan illadamente, nin por separado, senón dun xeito simultáneo e interconectado e, como resultado de todo iso, pódese dicir que os solos teñen unha importancia vital enorme, por ser imprescindibles na formación de biomasa: sen solos non hai nin herbas, nin plantas, nin microorganismos...

O volcán Ol Doinyo Lengai

Para entender o que ata o de agora non se estudou dos terreos da zona da Vacariza, podemos ter en conta un fenómeno, en certo modo paralelo, que sucede na gran reserva tanzana de Serengueti. Aquí, todos os anos, prodúcese a migración de máis dun millón de ñus para aproveitar os ricos pastos da zona e procrear de forma masiva (sincronización de nacementos).  Os pastos de Serengueti conteñen unha cantidade de nutrientes (sodio, calcio, nitróxeno, sales minerais) moi superior ao resto das herbas da zona, debido ás cinzas volcánicas do Ol Doinyo Lengai ("Monte de Deus" para os masais), un estraño volcán que emite lava distinta a do resto dos volcáns, caracterizada polo elevado contido de carbonato cálcico.

Esa lava, que forma parte dos solos de arredor e que tamén cae en forma de cinzas, fai posible que o valor nutritivo das herbas sexa moi elevado e os ñus, que nacen cada ano neste lugar, medren rapidamente e poidan emprender de novo o ciclo migratorio á inversa.

A importancia do magnesio

Pois ben, o que sucede nos solos dos arredores do volcán Ol Doinyo Lengai pode servirnos de exemplo para o que pode ocurrer, noutra medida, nos pastos, todo tipo de herbas e cultivos da zona da Vacariza-Serra do Careón.  Aquí, os solos, formados a partires da alteración das peridotitas, conteñen unha elevadísima cantidade de magnesio. Segundo as analíticas xeoquímicas o mangnesio representa arredor de 47% da composición da rocha do subsolo, que ao alterarse ("proceso de serpentinización") pasa a formar parte dos solos (solos sobre rochas ultrabásicas) e dos solos, por procesos de nutrición vexetal, pasa a formar parte das plantas, herbas, cultivos e vexetación en xeral. Agora ben, os consumidores finais desa vexetación son os animais e as persoas, polo que ao longo desta cadea alimentaria o magnesio pode incorpararse de forma natural aos consumidores.

Na actualidade estase a consumir magnesio de forma artificial, por recomendación médica ou de nutricionistas, para regular moitos procesos do noso metabolismo: funcionamento dos músculos e sistema nervioso, control de niveis de glucosa no sangue, mantemento correcto da presión arterial, formación de masa ósea, fortalecemento do sistema inmunitario, etc.

En conclusión, o día que se descubra que os alimentos producidos ou elaborados en territorios con solos formados a partires de rochas ultrabásicas conteñen, de forma natural, unha cantidade alta de magnesio, estaremos ante un acontecemento de grande importancia a nivel sanitario, un caso no que os produtos desta zona teñen valor de medicina natural (naturoterapia).

Os queixos, as verduras, as carnes, as hortalizas, o mel, etc... producidos onde queren destruír, irremediablemente, 366 hectáreas para construír unha celulosa altamente contaminante, poden ser un auténtico revulsivo económico para revalorizar os produtos naturais desta zona tan singular xeoloxicamente. Tan só hai que esperar que a investigación e a análise das plantas desta zona amosen, claramente, que conteñen unha cantidade de magnesio superior ao das plantas doutros lugares e, se iso sucede, será outra razón máis para rexeitar a Altri.

Comentarios