A Semana de Cine de Lugo repasa en setembro un ano de produción fílmica

O cinema volve ser protagonista da programación cultural lucense. O Grupo Fonmiñá, organizador da Semana de Cine, trae á cidade 146 filmes, cunha importante presenza de obras galegas e un repaso a produción internacional da produción deste ano.
 
Melania Cruz no Teatro do Seminario Menor de Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Melania Cruz no Teatro do Seminario Menor de Compostela. (Foto: Arxina)

Se cadra é o ciclo máis antigo que se lle dedica ao cine de autor na Galiza. A Semana de Cine de Lugo chega neste 2024 á súa 46ª edición, e faino exhibindo un total de 146 filmes, que se exhibirán en oito seccións diferentes: a Sección Oficial, Cine Infantil, O Mellor do Ano, Cine Documental, Homenaxes, Cine Españól Inédito, Cine Galego e unha ampla selección de Curtametraxes, galegas e de fóra.

A selección destes 146 filmes parte dunha convocatoria xeral, un compendio da produción cinematográfica máis nova, son que contén arredor do dez por cento do total das propostas, "diante da absoluta imposibilidade de proxectar o aluvión de candidatas a ser exhibidas nas cinco salas", aseguran desde a organización do encontro.

Como cada ano, A Semana de Cine de Lugo coloca no punto de mira unha figuras relacionada co cinema galego á que homenaxea. Nesta ocasión, o recoñecemento recae en Melania Cruz, actriz de teatro, cinema e televisión , que engadirá a súa placa no Paseo do Cine situado no parque de Frigsa da cidade amurallada. Ademais, proxectarase un dos seus últimos filmes, Pontevedra hora cero, dirixida en 2023 por Afonso Zarauza.

Outros homenaxeados pola Semana de Cine serán o músico Juan Cuadrado Bueno; o distribuídor Emilio Baños Santos; e o produtor, director e guionista Xosé Zapata, de quen se proxectará a curtametraxe de animación Avetimoloxía (2024). 

Ademais, o Grupo Fonmiñá, continuando coa iniciativa iniciada en 2019 de recoñecer o traballo de fotógrafas e fotógrafos, entregará o seu Trofeo este ano a Bernardino Barreiro Castro, histórico da fotografía lucense

Completa esta sección de homenaxes unha exposición de carteis de cinema cubanos realizados polo valenciano Eduardo Muñoz Bachs.

Sección oficial

Na sección oficial competirán longametraxes do vietnamita afincado en Francia Tran Anh Hung (A lume manso), Catherine Breillat (O último verán), o arxentino Pedro Wallace (As preñadas); o brasileiro Petrius Cariry (Mais pesado é o céu); e os españois Juan Carlos Blanco (Vestida de blanco) e Arantxa Echevarría (Chinas).

A sección oficial de curtametraxes, previa diariamente á de longametraxes, terá como competidores a xa mencionada Avetimoloxía, de Xosé Zapata; Dos, de Kiko Prada;  e tres obras de Héctor Rodríguz: Poscoito (Michiño)Poscoito (Soñadores) e Poscoito (Psicoterapia).

Cinema galego

A sección que se ocupa do cinema galego mostrará nove longametraxes e trinta e seis curtas.  Entre as primeiras atópanse Pico Sacro, de Alberto Lovelle; Florencio, o cego dos Vilares, de Pancho Álvarez; Menos a morte de Adrián Viador ou Pretérito imperfecto, de Plácido Romero.

A sección de curtametraxes galegas, como apuntan desde a organización, está composta por filmes que, na súa maioría, obtiveron importantes premios en festivais de cinema de todo o mundo. Entre eles, algúns títulos xa ben coñecidos do público festivaleiro como Alguén me chamou serpe negra de Borja Santomé; Segunda, de Anita Pico; Antes de que se poña o sol, de Nani Matos; A mirada delas, de Claudia Maseda; Pura, de Cármen Méndez;  Queimar cando morra, de Inés Pintor; Carraxe, de Muriel Pernas; ou Ningún Deus, de Miriam Opazo.

Documentais sociais

Porén, non acaba aquí a presenza do cinema galego na Semana de Cine de Lugo, xa que se poderán ver outros fimes da Galiza espallados por outras seccións do encontro.

É o caso de Florencio na terra, un filme sobre Florencio Delgado Gurriarán dirixido por Domingo Díaz Docampo que se poderá ver na sección Documental xunto con outras películas deste xénero como El cine del pasado, de Andrés Echeverri, no que o proxeccionista dun antigo teatro narra a xénese do seu local e as vicisitudes que levaron á súa decadencia, logo de resistir por varios anos a crise xerada polo cinema dixital.; Benín, infancia robada, de Julio Pérez del Campo, sobre Benín, un país onde a venda de nenos que son explotados nas minas e mercados é unha tráxica realidade diaria; El tribunal, de Carmen Tortosa, sobre traballadores que se atopan en situación de baixa laboral prolongada ou que solicitan unha valoración de incapacidade permanente; ou 7:11 Cuarzo, de Daniel Ortiz, sobre o abuso infantil.

Gran cinema

A Semana de Cine de Lugo aínda repasa o ano coas que, a xuízo da organización, foron as mellores películas do ano. Se alguén deixou de velos, agora ten a oporunidade de asistir á proxección de pezas que tiveron unlongo percorrido, como Perfect Days, de Win Wenders; A zona de interese, de Jonathan Glace; Io, Capitano, de Matteo Garrone; Anatomía dunha caída, de Justine Triet; ou Vidas pasadas, de Celine Song. Xunto coas curtas da seccción As curtas tamén son cinema, a Semana de Cine de Lugo ofrece un feraz panorama da produción cinematográfica contemporánea.

Fonmiñá e a devoción pola imaxe na cidade de Lugo

A difusión da fotografía e do cinema en Lugo non se pode entender sen o labor calado e constante do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá. Naceu en  1978, froito da fusión da Asociación Fotográfica Lucense. Un ano despois nacía a primeira semana de cinema, tomando o nome da lagoa existente no concello de Pastoriza, da Terra Chá.

Do seu traballo destes corenta anos compre subliñar as Bienais de Fotografía e as Semanas internacionais de Cine de Autor, ademáis de numerosos cursiños, sesións, certames, conferencias, exposicións... sempre relacionadas co cine e a fotografía.

A 1ª Semana Internacional de cine de autor celebrouse en Lugo en 1979. Desde entón, cada ano, o mes de setembro constitúe unha cita xa imprescindíbel para os cinéfilos que poden mergullarse no mundo do cine e homenaxear ós lucenses vencellados coa séptima arte.

Este ano, o colectivo tamén homenaxea Anxel Fole, cuxa afección ao cine naceu en Lugo nas primeiras décadas do século XX e foise incrementando durante os seus anos universitarios en Valladolid, Madrid e Santiago de Compostela. Farao coa proxección de O cadaleito (1976), de Enrique R. Baixeras, un fime inspirado no conto "A caixa de morto", de Fole.

 

Comentarios