Gandeiras dos Ancares reclaman no Parlamento "medidas urxentes" contra a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica

A Xunta vén de confirmar tres novos focos de EHE nas comarcas veterinarias da Terra Chá-Castro de Rei, Caldas e Vigo-Baixo Miño.
Gandeiros e gandieras dos Ancares este 12 de setembro no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Gandeiros e gandieras dos Ancares este 12 de setembro no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)

As deputadas por Lugo, Montse Valcárcel e Olalla Rodil, recibiron no Parlamento galego a un grupo de gandeiros e gandeiras procedentes da comarca dos Ancares que acudiron ao debate sobre a proposta do BNG que reclama unha maior protección e medidas urxentes ante a elevada incidencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE).

A deputada e veterinaria Ariadna Fernández, defendeu a proposta onde reclama que a Xunta, gobernada polo PP, adopte medidas inmediatas e que "asuma as súas competencias nunha situación de extremo abandono e invisibilización do sector ante unha enfermidade que lle supón ás explotacións uns custos moi elevados por animal afectado para facerlle fronte á gravísima crise sanitaria que están sufrindo".

Indemnizacións

O sector gandeiro galego atópase nunha "situación de desleixo" ante a falta de información e de axudas, mentres a Consellería do Medio Rural está "ausente", explicou Montse Valcárcel, que lembrou que o BNG "xa advertiu de que esta situación se podía producir coa chegada do verán, agora é o momento de tomar medidas e deixar de buscar escusas".

As indemnizacións por valor de 196.000 euros para paliar a morte dos animais afectados pola doenza "non chegan aos 500 euros por animal se calculamos que con ese diñeiro se indemnizaron 409 mortes na pasada tempada", advirtiu Valcárcel, que criticou que son "excesivamente baixas para o número de casos totais da enfermidade, o que produce que sexan os propios gandeiros e gandeiras os que teñan que custear os gastos por cada animal, tanto de tratamentos e servizos veterinarios, coma da propia vacinación, que non lle corresponde pagar nunha enfermidade de declaración obrigatoria".

Son 1.015 o número de explotacións afectadas e 2.344 os animais positivos confirmados

O BNG reclámalle ao Goberno da Galiza fixar unha partida orzamentaria destinada a indemnizar os casos de EHE, "tanto os que rematen coa morte do animal coma os tratamentos destinados a paliar os síntomas da enfermidade e os servizos veterinarios derivados desta, que poden superar os 400 euros", explicou Montse Valcárcel, quen engadiu que "é preciso tamén subvencionar a vacinación voluntaria contra o virus da EHE a todos aqueles gandeiros que soliciten as doses de xeito voluntario, favorecendo así a inmunización da cabana gandeira galega para evitar problemas futuros".

2.344 positivos

A Xunta da Galiza informou esta cuarta feira da detección de tres novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) nas comarcas veterinarias da Terra Chá-Castro de Rei, Caldas e Vigo-Baixo Miño.

Con estes novos rexistros xa son 1.015 o número de explotacións afectadas e 2.344 os animais positivos confirmados. A Galiza ten notificados surtos en 30 comarcas veterinarias neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor: mosquitos do xénero Culicoides spp.

Comentarios