A Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) naceu "na eclosión de facultades dos anos 70", lembrou esta quinta feira o reitor Antonio López na presentación do programa das conmemoracións do medio século de vida do centro, recordando ademais que no ano 1922 a USC só tiña cinco facultades, fronte "ás 25 que hoxe conforman" a institución.
O reitor estivo acompañado no acto polo decano, Elias Feijo, e a vicedecana de Cultura, Elsa González, que expuxeron as liñas xerais e primeiras actividades das conmemoracións dos 50 anos da creación da facultade.
O decano subliñou que "os estudos de Filoloxía teñen séculos de tradición na USC, baixo o nome de Universidade Literaria", aínda que a Facultade actual naceu na última semana de febreiro de 1975, e hoxe en día "difundir o labor que fai, as actividades docentes, investigadoras ou de transferencia de coñecemento, ten que ser fundamental", para, entre outras cousas, "fortalecer o sentido de comunidade, universidade e servizo público".
Amplo programa
González detallou o programa de actividades que decorrerán nos vindeiros meses, comezando por unha serie de vídeos que difundirán o traballo que se realiza no centro. Un libro conmemorativo recollerá documentos e materiais do medio século de historia de Filoloxía e a facultade acollerá unha serie de conferencias de ex decanas e decanos que inaugurará Ramón Lorenzo o 23 de setembro.
As exposicións integran outra das liñas de actividades, comezando pola do fotógrafo Sérgio Jacques, autor da mostra A Dança da Lua, sobre a presenza do escritor Urbano Tavares Rodrigues en Compostela.
O acto contou coa asistencia de integrantes do comité consultivo da Facultade e representantes da comisión de honra, así como ex estudantes como a cante Uxía Senlle.