Maré tranformará Compostela nun grande escenario para a diversidade cultural

Da man do festival Maré, unha trintena de bandas e solistas procedentes de todo o mundo converterán Compostela, entre o 25 e o 29 de setembro, nun crisol de culturas, ideas e voces que reflicte a pluralidade da cidade. 
Rómulo Sanjurjo, Loreto Rodríguez, Xosé Regueira, Valentín García, Miriam Louzao e Vítor Belho, esta cuarta feira. (Foto: Deputación da Coruña)
photo_camera Rómulo Sanjurjo, Loreto Rodríguez, Xosé Regueira, Valentín García, Miriam Louzao e Vítor Belho, esta cuarta feira. (Foto: Deputación da Coruña)

As músicas atlánticas tomarán Compostela entre os días 25 e 29 de setembro grazas a Maré, festival que para a súa quinta edición reunirá unha trintena de bandas procedentes de diferentes latitudes. Voces orixinarias de Alemaña, Angola, Brasil, Estonia, México, Mozambique, Palestina, Portugal, Catalunya, País Valencià e a Galiza estarán presentes nun encontro que visa a ofrecer unha ampla mostra da diversidade cultural que se dá cita na cidade.

Vitor Belho, director do festival, presentou esta quinta feira, nunha rolda de prensa decorrida na recentemente inaugurada Casa RIA de Compostela, o programa desta edición de Maré, destacando o seu carácter de "calidoscopio multicultural que fará da cidade un ano máis o epicentro atlántico para a confluencia artística".

Belho –quen compareceu na compaña de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta da Galiza; Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural de Santiago; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; e Loreto Rodríguez, de Estrella Galicia– encargouse de lembrar a filosofía dun festival tan singular e concienciado como é Maré. Unha filosofía que abrangue o activismo, a diversidade internacional ou o fomento de colaboracións entre artistas locais e internacionais. "A cultura debe ter valor social e por iso facemos alquimia para tocar públicos moi diversos e construír un público, unha comunidade contando por suposto coa integración da cidade e das súas xentes", declarou.

Valentín García definiu Maré como "unha das grandes citas culturais en Santiago", e puxo en valor a conmemoración do Día Europeo das Linguas, celebración que subliña "o protagonismo da diversidade de linguas que se dan cita no festival".

Por parte da Deputación da Coruña, o seu vicepresidente, Xosé Regueira, afirmou que non se pode esquecer "a dimensión económica da cultura", o "impulso económico" que significa e o "ben representada" que está esta dimensión en Maré.

A concelleira de Capital Cultural, Miriam Louzao, pola súa banda, aproveitou a súa intervención para subliñar que Maré representa "a diversidade cultural de Santiago" e permite que tanto veciñanza como visitantes gocen da cultura. "O festival está en sintonía cos valores culturais da cidade”, rematou Louzao.

O músico Rómulo Sanjurjo tomou a palabra para centrarse na parte profesional de Maré, da que exerce como coordinador. Nese sentido, definiu Maré Europa como unha "plataforma para promover novas formas de cultura variada e inclusiva en tres cidades europeas". A sección profesional do festival está conformada por encontros sectoriais, showcases, palestras e pitchings, entre outras iniciativas.

Máis de 30 bandas

Maré armou unha programación que inclúe unha trintena de bandas, entre as que se atopan nomes tan destacados como Albert Pla and The Surprise Band (Catalunya), Ana Lua Caiano (Portugal), Shantel (Alemaña), Puuluup (Estonia), Francisco, El Hombre (México), Sés (Galiza) ou Sumrrá & Niño de Elche (Galiza e País Valencià). Precisamente, esta aposta conxunta da banda de jazz compostelá co artista valenciano copará o protagonismo o primeiro día. O seu concerto terá lugar ás 20.30 horas na Sala Capitol, tras a actuación inicial de Su Garrido Pombo. A xornada inaugural completarase con Diadorim, na Riquela, e a foliada prevista na Sala das Crechas.

Tras estas primeiras citas, Maré despregará nos seguintes días o seu programa noutros espazos como a praza de Mazarelos ou o Teatro Principal, cuxo escenario recibirá na quinta feira, día 26, a Sés Trío, ás 19 horas, tras o concerto previo de Al Azar (Palestina). Ás 21.30 horas serán Albert Pla and The Surprise Band os que subirán ao escenario da Sala Capitol.

A programación da segunda xornada tamén contempla os concertos da arxentina Aluminé Guerrero na Riquela e de DJ Panko, nas Crechas.

Na sexta feira, día 27, Maré brindaralle ao público un programa intenso. O Principal será o escenario para a portuguesa Ana Lua Caiano, que actuará tras a intervención do trío galego Nacho-Faia-LAR. En Mazarelos, sucederanse as actuacións de grupos como Delahuerta, Dupla ou o estonio Puuluup.

Ademais, este será o día escollido polo festival para o regreso das Ultranoites de Chévere a Compostela. A Sala Capitol recibirá o regreso deste histórico formato teatral aos escenarios da cidade no que naceu tras case unha década de ausencia. 

Xa o sábado 28, os nomes protagonistas serán A Pedreira, que actuará no Teatro Principal precedida pola voz da mexicana Laura Itandehui, e Francisco, El Hombre (México/Brasil), que desembarcará na Capitol. O Coro da Rá, Marala ou Alana serán algunhas das actuacións que se poderán ver en Mazarelos, mentres que a Riquela contará con Zuaraz.

A xornada de clausura estará protagonizada por Lá no Xepangara, concerto homenaxe a José Afonso, que pretende reflectir a forte presenza da cultura africana na vida e obra deste lembrado artista e o seu papel na loita pola descolonización, a democratización e o desenvolvemento das sociedades lusófonas. Neste espectáculo de feche, que terá lugar no Teatro Principal, reuniranse voces e músicas chegadas desde Portugal, Angola, Mozambique e a Galiza.

Día Europeo das Linguas

Maré sumarase unha edición máis á conmemoración do Día Europeo das Linguas, que decorre cada ano o 26 de setembro. Para remarcar o seu compromiso coa diversidade lingüística, peza clave da multiculturalidade e mais da riqueza musical universal, o festival organizará ao longo do sábado 28 unha serie de actividades previas a todas as actuacións para subliñar un trazo esencial da riqueza idiomática: o seu imprescindíbel servizo á creación artística, á convivencia social e á pluralidade.

Ademais da reivindicación do Día Europeo das Linguas, Maré abrangue outras actividades que van máis aló do cartel principal de 30 bandas. Neste senso, cómpre subliñar que este ano se inclúe en Maré Crianzas o concerto de Lydia Botana o sábado 28 no Teatro Principal, e o Maré Rúa ofrecerá intervencións de circo, poesía e artesanía, así como a actuación Marexada percuta, pensada para o público familiar.

Comentarios