Os concertos do Revenidas comezan en Vilaxóan

O festival comezou co tradicional roteiro por Vilaxoán guiado por Xurxo Souto.
Dakidarría. En primeiro termo, Laura e Juaqui. Atrás, de esquerda a dereita, Ximo, Antón, Iñaki, Anxo, Pol, Gabri e Paula. (Foto: Dakidarría)
photo_camera Dakidarría. En primeiro termo, Laura e Juaqui. Atrás, de esquerda a dereita, Ximo, Antón, Iñaki, Anxo, Pol, Gabri e Paula. (Foto: Dakidarría)

Como xa é tradicional, o roteiro por Vilaxoán guiado por Xurxo Souto marcou esta cuarta feira o arranque do festival Revenidas. O roteiro Re-Descubre Vilaxoán partíu do Centro Social e Deportivo de Vilaxoán para percorrer espazos emblemáticos da vila como os pazos de Pardiñas e Sobrán (que abriron as súas portas para poder ser visitados), as pías da salga, o lavadoiro ou a praza Rafael Pazos. Para amenizar este percorrido Xurxo Souto contará coa colaboración do gaiteiro Carlos Rey e dalgúns dos compoñentes da Coral de Vilaxoán.

Primeira xornada de concertos

A Duendeneta será esta quinta feira, a partir das 18 horas, a encargada de facer soar as primeiras notas musicais do Revenidas 2024. Carlos Crespo e Kris K Dj animarán os primeiros intres do festival, desde a apertura de portas até o comezo do primeiro dos concertos, o de Vértebras, dúo de hip hop feminista e comprometido que forman as viguesas Ika Suversiva e Amari. A partir das 19.20 horas será a quenda de The Tyets, dúo de Mataró que coa súa proposta de “trapetón” converteuse no primeiro grupo que canta en catalán con máis dun millón de oíntes ao mes en Spotify.

Ás 20.30 horas actuarán Balkan Paradise Orchestra, ás 21.30 haberá unha nova sesión da Duendeneta e ás 22 horas comezarán Lendakaris Muertos, un dos grandes nomes do punk estatal. Os valencianos Mafalda, que este ano anunciaron a súa disolución, ofrecerán no Revenidas o seu derradeiro  concerto na Galiza a partir das 23.20 horas. Tras eles, ás 00.25, será a quenda de Muchachito Bombo Infierno, quen sobe por vez primeira ao escenario de Vilaxoán. O penúltimo concerto será, ás 01.50 horas, o de Trashtucada, septeto que mestura rock, reggae e ska. A primeira xornada rematará coa actuación de Dakidarría a partir das 02.50 horas.

Tras o monumental e histórico concerto do ano pasado, no que subiron a 50 músicos ao escenario, e que quedou recollido no seu disco XX, Dakidarría retornan ao Revenidas para facer o que mellor saben: prenderlle lume ao ambiente cunha imbatíbelcolección de himnos que o persoal baila e corea sen descanso.

Comentarios