Trump, "menos disposto" que antes a participar nun segundo debate após perder o primeiro

Kamala Harris impúxose na primeira confrontación.
Donald Trump no debate. (Foto: Michael Le Brecht II / Europa Press / Contacto)
photo_camera Donald Trump no debate. (Foto: Michael Le Brecht II / Europa Press / Contacto)

O ex presidente estadounidense e candidato nas presidenciais do Partido Republicano, Donald Trump, asegurou a cuarta feira que ten “menos disposición” a participar nun segundo debate coa candidata demócrata, a actual vicepresidenta de Joe Biden, Kamala Harris, sostendo que “tivemos unha gran noite” e que “gañamos o debate”. Ao tempo, a campaña de Harris xa o propuxo.

Porén, e a diferenza do seu enfrontamento en xuño con Biden, no debate da madrugada da cuarta hai case que unanimidade entre os medios e as distintas enquisas sobre que foi Harris quen se alzou coa vitoria logo de levar o peso dun evento ateigado de ataques persoais e no que logrou enervar Trump en varias ocasións.

Nese contexto, tamén estivo cheo de datos falsos por ambas as dúas partes máis especialmente pola do republicano, que deu validez a unha noticia falsa que detallaba que persoas migrantes de Haití están a comer mascotas.

Unha enquisa da CNN a persoas rexistradas para votar nos comicios de novembro sinalou que 4% trasladaron que cambiarán o seu voto tras o debate, que se produciu ao arrefriarse a alza nas enquisas de Harris desde a súa designación.

A nivel internacional a China e a guerra de Ucraína foron os principais asuntos que se trataron. No primeiro punto Trump comprometeuse a impor aranceis de 60% ás importacións procedentes de Beijing, así como un gravame de entre 10% e 20% a todas as importacións.

En paralelo, Harris acusouno de “invitar a guerras comerciais” pola imposición de aranceis a varios produtos do país asiático durante o seu mandato entre 2017 e 2021, que mantivo Biden. Con todo, Harris considerou que "traizoou" o país e aseverou que “rematou vendendo chips á China para axudalos a mellorar e modernizar o seu Exército”.

Sobre Ucraína, o ex mandatario fixo énfase ao ser inquirido sobre se quere que Ucraína gañe o conflito bélico que o seu interese é que “a guerra se deteña”. “Quero salvar vidas”, subliñou, insistindo ante as preguntas do moderador David Munir que “o mellor para os Estados Unidos é rematar esta guerra e simplemente facelo”. Pola súa parte a vicepresidenta, que mantería as políticas de envío masivo de armas a Ucraína da man da alianza militar que controla, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), atribuíu a posición de Trump a unha suposta “amizade” con Putin.

Nese sentido, Trump cuestionou as habilidades diplomáticas de Harris, que se reuniu poucos días antes da invasión rusa co líder ucraíno Volodimir Zelenski, "e a guerra comezou tres días despois", remarcou.

Comentarios