Unha etapa prólogo polas rúas de Sarria abre esta quinta feira a Volta a Galiza 2024

Os ciclistas terán diante un circuíto de 7,1 quilómetros.
A Volta a Galiza de 2023. (Foto: FCG).
photo_camera A Volta a Galiza de 2023. (Foto: FCG).

O vilagarcián Martín Rey (Padronés Cortizo), gañador do maillot amarelo Xunta da Galiza o ano pasado, pon en xogo desde esta quinta feira a coroa da Volta. A rolda organizada pola Federación Ciclismo Galego para corredores elite e Sub-23 arranca a súa 22ª edición cun prólogo polas rúas de Sarria (comarca homónima). Serán os primeiros 7,1 quilómetros dos 454,8 que os ciclistas terán que percorrer en catro xornadas até o seu colofón en Sanxenxo (O Salnés). 

A localidade de Sarria será o epicentro da Volta Ciclista a Galiza nos seus dous primeiros días. A contra o reloxo individual comezará ás 18:00 horas coa saída do primeiro dos 119 participantes.

As primeiras pedaladas do prólogo daranse na rúa da Liberdade e o trazado polo centro da vila e a súa contorna garda o seu treito máis esixente para o final na rúa Maior. Os últimos 500 metros ofrecen un empinado empedrado, con pendentes por riba do 10% de desnivel. 

As diferenzas que se estabelezan na apertura poden marcar o guión dunha carreira que este ano introduce como novidade as bonificacións, tanto nas Metas Volantes como nas liñas de meta, e que non presenta ningún final en alto.

Iso si, non vai faltar dureza. As tres etapas en liña están catalogadas como de media montaña, un terreo ideal para que os equipos aposten por estratexias ofensivas. 

Para mañá quedarán os 160 km polas comarcas de Sarria e Lugo, os corredores ascenderán tres subidas puntuábeis de 3ª categoría. Tomarán a saída, ademais de oito clubs galegos escuadras que chegan dende fóra da Galiza como o Polti Kometa, gañadora dúas veces da xeral da Volta (2021 e 2022), que se despide da categoría nesta rolda. Outras sinaladas son  Gomur Cantabria, Torres-Trigon, Technosylva Maglia Bembibre e Extremadura-Pebetero.

Comentarios