A Irmandiña de fútbol sala reivindícase ante Catalunya

As seleccións masculina e feminina perden malia o seu bo xogo ante as catalás.
O equipo de Bea Seijas loitou onte até o final. (Foto: RFGF).
photo_camera O equipo de Bea Seijas loitou onte até o final. (Foto: RFGF).

As seleccións galegas feminina e masculina de fútbol sala caeron esta cuarta feira derrotadas ante as seleccións de Catalunya nun partido especial coincidindo coa Diada de Catalunya. En ambos os dous casos, os equipos nacionais da Galiza, dirixidos por Bea Seijas e Diego Ríos, tiveron posibilidades de obter vitorias.

A xornada comezou co partido feminino, un encontro en que ambos os dous combinados estiveron a un gran nivel. A Galiza rompeu a igualdade de xogo cun tanto de Nere Moldes, quen cun zapatazo desde fóra da área anotou o 0-1 cando restaban cinco minutos para o descanso. Xa na recta final do primeiro acto, e nunha acción a balón parado, Arantxa empatou. Co empate (1-1) chegouse ao descanso no pavillón de Santa Coloma de Gramenet. 

Na continuación, o ritmo non baixou e Galiza e Catalunya marcáronse como obxectivo desequilibrar o partido. Na recta final, o encontro foi unha tolemia. Catalunya tivo o 2-1, mais Bet non foi quen de definir diante de Aroa, a gardaredes galega. Acto seguido, Claudia acariñou o tanto galego, mais o seu zapatazo pegou no poste esquerdo da meta catalá. Así, o tanto acabou caendo do bando local, Júlia Peña puxo por diante Catalunya ao finalizar unha acción individual de Torres cun remate no segundo pao.

Malia todo, as galegas non se renderon e aínda tiveron o empate nas botas cun disparo de Candela que sacou Mariona. O encontro aínda deu un gol máis, desta vez foi Bet quen puxo o 3-1 definitivo a favor das locais. 

Os 10 metros

A Irmandiña masculina, pola súa parte, mantivo o tipo até  que se lle escapou ao final. Da mesma maneira que na cita feminina, Galiza púxose por diante na primeira chegada co gol de Pachu, que definiu ante a media saída de Feixas. A alegría duroulle pouco aos galegos, posto que Cardona empataría o encontro un minuto máis tarde. Antes do descanso, os de Diego Ríos volverían golpear cun tanto de Pirata nunha acción a balón parado.

Con todo, Catalunya, por medio de Eric Martel, anotaría o 2-2 xusto antes do intermedio. Na continuación, Verdejo, na primeira chegada do conxunto local, adiantaría ao seu equipo. Malia todo, o equipo de Ríos refíxose e Adri empatou. Porén, Catalunya levouse a vitoria cun lanzamento desde 10 metros de Verdejo.

Comentarios