O Celta recupera xogadores e prepárase para o Valladolid

O club celeste chega aos 28.000 abonados e volve ter algúns dos xogadores que marcharon coas seleccións.
Guaita adestrando onte na cidade deportiva Afouteza. (Foto: RC Celta).
photo_camera Guaita adestrando onte na cidade deportiva Afouteza. (Foto: RC Celta).

Tras a parada na liga de Primeira División polos compromisos coa selección española, o Celta volve pouco a pouco á normalidade. Onte incorporáronse aos adestramentos na cidade deportiva Afouteza Óscar Mingueza e Carl Starfelt. . O catalán e o sueco foron os primeiros, á espera dos lesionados Mihailo Ristic (recuperándose da lesión sufrida no xemelgo durante o quecemento previo ao partido contra o Alavés) e Williot Swedberg (cunha escordadura de nocello durante o último partido ligueiro contra o Osasuna) para facilitar o traballo a Claudio Giráldez ante o seguinte compromiso co Real Valladolid. 

Ademais, o adestrador do Celta tampouco pode traballar cos catro internacionais que aínda están concentrados coas súas respectivas seleccións: Damián Rodríguez (sub-21), Luca da Torre (Estados Unidos), Tasos Douvikas (Grecia) e Ilaix Moriba (Guinea). 

Marcos Alonso

Entre as novidades que poderían estrearse está Marcos Alonso que se incorporou aos adestramentos xusto antes de que se parara a liga. Tivo oportunidade de viaxar co equipo a Iruña mais non interveu no encontro que enfrontou aos celestes co Osasuna. A versatilidade do defensor, o novo dorsal 20 do Celta pode entrar ante a ausencia de Carlos Domínguez. Aos seus 33 anos, o ex blaugrana ten competencia no banco, como é o caso de  Jailson Marques e Javier Manquillo. 

28.000

O club anunciou en redes sociais que, tras a campaña destas semanas, superou a cifra de 28.000 socias e socios, cando en agosto eran 25.000. Este número suma os carnés de abonado e os que conseguiron o Carné Celtista. Esta segunda opción dá facilidades e beneficios para quen o teña e permiten o acceso aos partidos da Celta Fortuna e de As Celtas. 

Segundo fontes do club, 40 % dos que tiñan o abono a tempada anterior renovaron primeiro día e, finalizado o prazo para facer esta xestión, o rexistro chegou a 98,6 %. Ao número de socias e socios engádeselle a boa entrada que están a ter os partidos disputados en Balaídos. Foi o caso do día do 101 aniversario do club, cando acudiron ao estadio máis de 23.500 persoas. Nestes números entra a nova medida de cesión de abonos que aprobou o club.

Comentarios