O Senado de México valida a reforma constitucional que supón a elección popular das xuízas

López Obrador logra o seu principal obxectivo antes de deixar o poder.
Manifestantes dentro do Senado de México a terza feira. (Foto: eyepix / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Manifestantes dentro do Senado de México a terza feira. (Foto: eyepix / Zuma Press / ContactoPhoto)

Nunha sesión que se alongou até 12 horas, a cuarta feira o Senado mexicano aprobou o texto xeral da reforma constitucional da Xustiza do país defendida polo presidente progresista Andrés Manuel López Obrador, que implicará, entre outras cuestións, a elección popular das e dos xuíces federais.

A expensas da votación dos denominados artigos reservados, os impugnados polas lexisladoras e lexisladores que non están de acordo con algún punto do ditame xeral, todos da oposición, a maioría cualificada coa que foi validada a norma garante a súa aprobación final grazas aos votos do Movemento de Rexeneración Nacional (Morena) do mandatario e os seus aliados, así como do senador do conservador Partido Acción Nacional (PAN) Miguel Ángel Yunes, que deu o sufraxio clave á proposta entre acusacións de traizón desde a oposición.

Protestas

A sesión estivo marcada polas protestas dun grupo de traballadoras e traballadores do sector xudicial, que entraran en folga para rexeitar a reforma e asaltaron o Senado.

Isto obrigou a suspender a sesión e reactivala na Antiga Casona de Xicoténcatl, designada como sede alternativa e na que antes do traslado ao Paseo da Reforma se localizaba a Cámara Alta.

A este lugar se trasladaron as protestas, que derivaron en choques violentos coas forzas de seguridade.

O mandatario acusou o Supremo Tribunal de Xustiza de corrupción e nepotismo en múltiples ocasións, e de “estar tomado pola delincuencia organizada”, defendendo unha reforma criticada polos Estados Unidos e despois de que o órgano bloqueara varias iniciativas gobernamentais como o incremento da participación do Estado no sector enerxético.

Comentarios