Pontón insta Rueda a paralizar o incremento do canon do lixo

O BNG critica “os anuncios tampa” do Executivo.
 
García, Albert, Pontón, Rocha e Agra, en primeiro termo, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera García, Albert, Pontón, Rocha e Agra, en primeiro termo, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou esta quinta feira ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, "que se deixe de parches” e de “anuncios tramposos” e dea marcha atrás respecto ao “taxazo” do canon do lixo de Sogama, que fará que os galegos e as galegas teñan que pagar máis polo recibo. 

Dixo Pontón nunha visita á comarca de Valdeorras que “Rueda fixo un anuncio tramposo [ao dicir na cuarta feira que a Xunta pagará 40% do aumento da taxa de Sogama aos municipios] porque en realidade non vai retirar a suba do canon de Sogama. O que vai facer é que os Concellos e a cidadanía teñan que pagar máis”. 

A portavoz nacional do BNG emprazou Rueda a rectificar sobre o canon de Sogama e pór en marcha “un novo modelo para o tratamento dos residuos que deixe atrás o actual, absolutamente fracasado”. Segundo Pontón, “o modelo de Sogama non serve, porque é un modelo antiecolóxico, que queima e, por riba, é moi caro”. Advertiu tamén de que co actual sistema “os únicos que están gañando son a Xunta e as empresas amigas que neste momento xestionan Sogama”, mentres aos Concellos e aos veciños e ás veciñas “se lles vai subir o recibo do lixo”.

Fronte ao modelo de Sogama, o BNG demanda un sistema de tratamento de residuos “respetuoso co medio, que cumpra coa normativa e que aposte pola reciclaxe”. O BNG xa anunciou a posta en marcha dunha campaña contra o “taxazo” de Sogama con iniciativas no Parlamento e nos Concellos para a Cámara galega e as corporacións municipais se posicionen en contra do novo “sablazo” do Goberno galego, que propón para 2025 unha suba de 30% na factura da xestión de residuos que se suma ao 30% de incremento deste ano.

A suba de 60% no canon colocará en 108 euros o prezo a pagar por cada tonelada de residuos que os Concellos entreguen a Sogama, “unha suba abusiva” que supón, segundo explicou Pontón, “un negocio redondo para Gas Natural -que ten 49% da compañía- e para as empresa amigas do PP, como o Grupo Valtalia-Copasa, que nos últimos anos ten recibido máis de 700 millóns de euros en sucesivos contratos con Sogama”.
 

Comentarios