As plantas endémicas ameazadas por Altri carecen de protección da Xunta

No mundo só hai 0,02% de solos como o do municipio de Melide.
Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento galego, onte. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento galego, onte. (Foto: Nós Diario)

As tres plantas endémicas existentes nos solos serpentínicos de Melide (Terra de Melide) seguen sen ter a protección legal que lles daría un plan da Xunta da Galiza, como estabelece a Lei Galega de Biodiversidade de 2019. Así o recoñeceu esta quinta feira no Parlamento da Galiza a Consellaría de Medio Ambiente en resposta a unha pregunta en comisión do deputado do BNG Luís Bará.

Recoñeceu o Goberno galego que os solos serpentínicos de Melide e as tres especies de flora endémica presentes na zona só existen nun 0,02% do territorio mundial. O BNG reprochou á Xunta da Galiza que, a pesar da súa singularidade, “non fixeron un plan de conservación e protección, como obriga a lei”, cando se trata de tres especies (Santolina melidensis, a Magarza de Barazón e a Armeria merinoi) que están no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

O BNG criticou que a Xunta ten estudos encargados a empresas sobre esta zona, “pero seguen sen facer nada, iso é prevaricar e haberá quen denuncie a irresponsabilidade da Xunta”. A pesar de ter pedido até en dúas ocasións a documentación e os informes elaborados en 2008 e 2019 para o Goberno galego, Bará asegurou que “seguen sen facilitar a documentación”, e atribuíu á afectación do proxecto da macrocelulosa de Altri que a Xunta está a tramitar como posíbel causa desta “desinformación á cidadanía”. 

O BNG reprochou que a Xunta da Galiza “defende antes os intereses dunha multinacional que uns hábitats que son a catedral botánica da Galiza”. Agradeceu o deputado do BNG Luís Bará á Asociación Galega para a Custodia do Territorio que estea a facer “o que non fai o Goberno galego”. 

Comentarios