A Cámara galega reproba Óscar Puente polas incidencias rexistradas nos trens

A moción do PP aprobouse cos votos de BNG e DO e abstención do PSOE.
O ministro de Transportes, Óscar Puente, esta cuarta feira no Congreso español. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera O ministro de Transportes, Óscar Puente, esta cuarta feira no Congreso español. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O ministro de Transportes, Óscar Puente, foi reprobado esta cuarta feira polo Parlamento da Galiza polas súas palabras pronunciadas no Senado no mes de agosto, onde afirmou que o tren vive o "mellor momento da súa historia", en resposta ás queixas polas incidencias ferroviarias rexistradas este verán. 

A reprobación de Puente, proposta polo PP como parte dunha iniciativa que tamén demanda unha serie de melloras para os servizos ferroviarios na Galiza, saíu adiante cos votos a favor de BNG e Democracia Ourensá.

O PSdeG –que no debate da iniciativa durante a tarde da terza feira respaldou o ministro alegando, en palabras do deputado Carlos López Font, que tiña razón coa súa afirmación sobre o momento "histórico" do tren na Galiza e no Estado español– optou pola abstención.

Recuperar frecuencias suprimidas durante a pandemia, mellorar os servizos en lugares como Ferrol ou Lugo, impulsar o Corredor Atlántico ou a corrección das "múltiples" incidencias dos trens Avlo e Avril son a parte da lista de demandas da iniciativa popular aprobada esta cuarta feira sen votos en contra. 

Esta foi unha das catro proposicións non de lei que saíron adiante no primeiro pleno do período de sesións após o paro estival, entre elas, o respaldo do Parlamento galego, a proposta do PP, á oposición venezolana. 

Tamén foi aprobada sen votos en contra, aínda que no seu caso por unanimidade, unha iniciativa do PSdeG que reclamaba da Xunta da Galiza un "plan integral" para o turismo. Igualmente, logrou apoio unánime a iniciativa do BNG en apoio aos viticultores da Ribeira Sacra afectados pola crise de excedentes durante esta temporada de vendima.

Comentarios