Sánchez recibe na Moncloa o opositor venezolano Edmundo González Urrutia

Durante o encontro, fóra da axenda oficial, o presidente do Goberno español manifestou a vontade de diálogo do estado Español con Venezuela
Pedro Sánchez e Edmundo González Urrutia nos exteriores da Moncloa este 12 de setembro. (Foto: Pool Moncloa / Fernando Calvo)
photo_camera Pedro Sánchez e Edmundo González Urrutia nos exteriores da Moncloa este 12 de setembro. (Foto: Pool Moncloa / Fernando Calvo)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, trasladou ao candidato opositor venezolano Edmundo González Urrutia que o Estado español traballa "en favor da democracia e o diálogo" con Venezuela un día despois de que o Congreso dos Deputados instase o Executivo a recoñecelo como presidente electo.

Sánchez recibiu a González Urrutia no Palacio da Moncloa esta quinta feira, nun encontro que o Goberno non incluíra na axenda oficial, cinco días despois de que o opositor venezolano aterrase en Madrid nun avión da Forza Aérea española tras abandonar Venezuela por desexo propio coa intención de solicitar asilo.

"Dou unha cálida benvida ao noso país a Edmundo González, a quen acollo mostrando o compromiso humanitario e a solidariedade de España cos venezolanos", trasladou Sánchez nunha mensaxe na rede social X, que acompañou cunhas imaxes nas que se ve a ambos paseando polos xardíns de Moncloa e conversando.

"España segue traballando en favor da democracia, o diálogo e os dereitos fundamentais do pobo irmán de Venezuela", manifestou o presidente do Goberno, que esta cuarta feira defendeu a necesidade de que a UE manteña a súa "unidade" no que se refire a esta cuestión para ter capacidade de "mediación" e poder propiciar así unha solución á crise venezolana.

Saída dialogada

O Goberno asegurou que a chegada de González Urrutia a Madrid, quen estivo uns días na residencia do embaixador español tras permanecer refuxiado desde o 29 de xuño na Embaixada de Países Baixos, non se negociou con Caracas e que non houbo ningunha contrapartida.

Neste sentido, tanto Sánchez como o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, recalcaron que a postura do Estado español non cambiou e pasa por exixir a publicación de todas as actas das presidenciais do 28 de xullo e non recoñecer a "suposta vitoria" de Nicolás Maduro.

Polo que se refire ao recoñecemento de González como presidente electo, como reclamou o Congreso a petición do PP e co apoio de Vox, UPN, CC e PNV, o Goberno escudouse en que a postura dos Vinte e sete é non facelo por agora e esgrimiu que hai un "tempo razoábel" para lograr unha saída dialogada antes do 10 de xaneiro, cando ten que tomar posesión o gañador das eleccións.

Comentarios