A suba dos beneficios empresariais en 2023 triplicou a alza dos salarios

As marxes de beneficios empresariais marcaron un novo récord histórico no ano 2023. Segundo os datos ofrecidos pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT,) situáronse en 12,8%. A súa alza contrasta coa suba dos salarios, que na Galiza ficou en 3,7%.

EuropaPress_6051997_junta_general_accionistas_abanca_2024
photo_camera Juan Carlos Escotet, na xunta xeral de accionistas de Abanca, desenvolvida o pasado mes de xullo. (Foto: Europa Press).

Os beneficios empresariais volveron rexistrar máximos na pasada anualidade. Segundo os datos procedentes do Informe de vendas, salarios e empregos en grandes empresas e pemes, elaborado pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), para 2023, o último ano con cifras, os lucros das empresas chegaron a 12,8%, é dicir, 2,4 puntos máis que no exercicio anterior e 4,7 puntos por enriba da media do período entre 2014 e 2019, cando marcaron 8,1%.

O incremento dos lucros empresariais reproduciuse en todos os sectores da actividade económica. Así, por exemplo, o sector do refino de petróleo, cunha marxe unitaria sobre vendas de 18%, aumentou os beneficios en 5% en relación a 2022. Ao tempo, o sector da automoción alcanzou uns lucros de 7%, dous puntos máis que na pasada anualidade. Asemade, os lucros do comercio grosista subiron até 8%, crecendo un punto no exercicio, e os do comercio retallista medraron até 5,5%, a marxe máxima de toda a serie histórica.

As causas da inflación

A suba das marxes empresariais está detrás da alza dos prezos. A este respecto, o propio Fondo Monetario Internacional (FMI) concluía nun informe presentado no ano 2023 que a causa da suba dos prezos na Unión Europea (UE) correspondía en 40% á repunta dos custos enerxéticos e en 45% a un incremento dos beneficios empresariais.

Unhas cifras moi semellantes ofrecíaas para 2022 a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE). A este respecto, atribuía máis de seis puntos de 8% que subiu a inflación no Estado ao aumento dos lucros empresariais e só un punto e medio ao incremento dos salarios.

As estimacións dalgúns economistas van máis alá. Así, para os autores do informe de  Oxfam Intermon, o incremento dos lucros empresariais “representa practicamente 90% da inflación”. A este respecto, lembran que “as marxes soben porque as empresas están a aumentar os seus prezos por encima do crecemento dos seus custos, fundamentalmente enerxéticos e laborais”. A suba dos salarios foi moi inferior ao medre dos beneficios empresariais.

Segundo os  datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), en 2023 as retribucións aumentaron de media na Galiza en 3,7%. Neste sentido, o salario medio galego é o máis elevado na serie histórica, pero só ocupa o noveno posto entre os territorios do Estado. Así e todo, ficou cinco décimas por encima da alza do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) .

As rendas do traballo

Galiza rexistrou a terceira maior alza salarial do Estado en 2023 pero este incremento é tres veces inferior ao experimentado polos beneficios empresariais. Así, o aumento das retribucións do traballo quedou nesa anualidade por riba da media estatal.

O profesor de Historia Económica na Universidade de Santiago de Compostela, Adrián Dios sinala que “se ben a evolución posterior á crise de 2008 levou a que os beneficios empresariais tendesen a ser superiores que os salarios totais, o certo é que a evolución posterior á crise da Covid rachou coa dinámica previa, xa que os beneficios empresariais se sitúan en máximos históricos sobre o seu peso no PIB, mentres os salarios se moven na dirección contraria, cara aos seus mínimos”.

Dios entende que “esta situación significa que cada vez en maior medida as rendas son absorbidas polas empresas, mentres as persoas traballadoras representan un peso inferior na produción do país.Estes datos son un bo indicador para constatar que a inflación vivida nos últimos dous anos tivo beneficiados e prexudicados: a clase traballadora cada vez ten unha menor participación no produto interior bruto galego, porque as empresas están capturando uns maiores beneficios”.

A xestión das crises

Os datos de beneficios empresariais e salarios explícanse no contexto da xestión das tres crises do século XXI impostas pola Comisión Europea. Neste sentido, as autoridades comunitarias apostaron pola desvalorización interna, que reduce o peso das rendas do traballo na composición do PIB, para garantir o incremento da taxa da ganancia, o que implica un aumento das rendas do capital.

O economista Xavier Pérez Davila, autor de libros como Alén da casta. Un ensaio sobre o poder e as clases sociais no século XXI,  explica a Nós Diario que “as políticas aplicadas en resposta á crise de 2008 acentuaron as tendencias iniciadas nos anos 80”. Neste sentido, entende que “o ciclo aberto na década dos 80 mantense, como testemuñan os beneficios empresariais en máximos históricos no Estado ou a distribución de dividendos no mundo no seu nivel máis alto, como expresión da caída das rendas do traballo e do incremento das rendas do capital”.

Xavier Pérez Davila considera que “a resposta á crise indica que o capital goberna a economía, que non existe democracia, dereito a decidir, nese eido”. A este respecto, Davila denuncia que “o Estado intervén na economía non para preservar o interese xeral da cidadanía senón para pórse ao servizo dos grandes grupos empresarias, como evidencia o apoio e impulso á denominada colaboración público-privada”. Precisamente, esta fórmula foi empregada pola Xunta da Galiza para construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e que tivo un sobrecusto acreditado polo Consello de Contas de 470 millóns de euros.

Comentarios