A Maricarmen de La Pegatina vai de 'after' coas Fillas de Cassandra

A nova creación de Fillas de Cassandra dálle a volta á peza de La Pegatina para incluír a protagonista, Maricarmen, na propia historia da canción,
"Maricarmen" é a peza coa que Fillas de Cassandra pecharon os concertos da súa xira. (Foto: Alan Pérez)
photo_camera "Maricarmen" é a peza coa que Fillas de Cassandra pecharon os concertos da súa xira. (Foto: Alan Pérez)

Fillas de Cassandra publicou ás 00 horas deste 13 de setembro o seu novo sinxelo, "Maricarmen". A peza  é o tema que pecha todos os concertos da xira Últimas Dionisíacas. Este lanzamento ponlle o ramo a intensa tempada na que Sara Faro e María SOA subiron a ducias de escenarios de toda a península, nunha xira que comezou o 16 de febreiro na súa cidade natal, Vigo. "Queremos despedir o verán por todo o alto, coa canción que nos acompañou en todos os directos", aseveran.

A nova creación de Fillas de Cassandra revisa a peza de La Pegatina: danlle unha volta para incluír á protagonista, Maricarmen, na propia historia da canción. Así, Fillas de Cassandra integra a Maricarmen no relato, como convidada inesperada dunha festa á que chega a personaxe e que, ao ver o ambiente festivo, decide quedar na mesma. "Ao final Maricarmen está tan entusiasmada que quere bailar no ‘afterhour’ coa filla até o final, obviamente", din Sara e María, nun recoñecemento de que as persoas maiores tamén poden ter os seus espazos de lecer.

Na produción de Maricarmen tamén participan, ademais de Sara Faro e María SOA, Peter Petrowsky e Berto. O tema acompáñase dunha capa creada pola ilustradora Lara Seara, coñecida nas redes sociais como @laultimacroqueta, e contará cun vídeo de animación  realizado por Antón Varela, que se estreará ás 15 horas desta sexta feira, 13 de setembro, na canle de Youtube de Fillas de Cassandra.

Tras encher a praia de Riazor no Festival Noroeste ou actuar a pasada fin de semana no estadio de Balaídos , Sara Faro e María SOA formarán parte do cartel de citas como Revenidas (Vilaxoán), Tribu (Burgos) ou das festas do San Froilán (Lugo). Sara Faro e María SOA formarán parte do cartel de citas como Revenidas (Vilaxoán), Tribu (Burgos) ou das festas do San Froilán (Lugo).

De cara ao outono, Fillas de Cassandra ten preparadas novas creacións que verán a luz nas vindeiras semanas.

Comentarios