Tes previsto viaxar a Reino Unido? Os turistas da UE terán que dispor dun permiso electrónico a partir de 2025

A autorización electrónica de viaxe será obrigatoria a partir do mes de abril do ano que vén.
Un avión no aeroporto londiniense de Heathrow. (Foto: Route66)
photo_camera Un avión no aeroporto londiniense de Heathrow. (Foto: Route66)

O Goberno de Reino Unido anunciou unha ampliación dos viaxeiros aos que pedirá a autorización electrónica de viaxe (ETA) para acceder ao país, de tal maneira que os turistas procedentes de países da UE necesitarán este documento para entrar en territorio británico a partir de abril de 2025.

O ETA está concibido como un sistema de rexistro para aqueles turistas que procedan de países para os que non se esixe visado e actualmente só obriga a viaxeiros de Bahréin, Kuwait, Omán, Qatar, Arabia Saudita e Emiratos Árabes Unidos.

A idea é estendelo a todos os viaxeiros non europeos a partir do 8 de xaneiro de 2025 –poderán empezar a solicitar o rexistro o 27 de novembro deste ano– e, no caso dos europeos, o cambio entrará en vigor o 2 de abril –poderase pedir o ETA desde o 5 de marzo–.

11 euros e dous anos de vixencia

O rexistro, similar ao que xa existe para viaxar aos Estados Unidos, quedará vinculado ao pasaporte e custa 10 libras (uns 11,8 euros ao cambio actual). Terá unha validez de dous anos, salvo que caduque antes o pasaporte, e permitirá estancias de até seis meses en Reino Unido.

A secretaria de Estado de Migración, Seema Malhotra, avogou por avanzar cara a "un sistema migratorio moderno" aproveitando a tecnoloxía, xa que "a dixitalización facilita unha experiencia sinxela para as millóns de persoas que cruzan cada ano a fronteira".

Malhotra subliñou nun comunicado que Reino Unido segue aberto ao turismo, un sector que achegará este ano máis de 32.000 millóns de libras (preto de 38.000 millóns de euros) á economía británica.

A UE tamén traballa no seu propio método de rexistro para viaxeiros alleos ao espazo Schengen, o Sistema Europeo de Información e Autorización de Viaxes (ETIAS), cuxa posta en marcha atrasouse e non se prevé agora ata a primavera do próximo ano.

Comentarios