Risco de escalada: Biden e Starmer ultiman a autorización para que Ucraína ataque no interior de Rusia

É posíbel que a decisión xa fora tomada malia as advertencias de líderes occidentais sobre unha potencial escalada da guerra.
O responsábel de Exteriores británico, David Lammy, e o primeiro ministro Keir Starmer, a sexta feira en Washington. (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / DPA vía Europa Press)
photo_camera O responsábel de Exteriores británico, David Lammy, e o primeiro ministro Keir Starmer, a sexta feira en Washington. (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / DPA vía Europa Press)

Na que probabelmente sexa a súa última reunión bilateral antes de que o presidente estadounidense Joe Biden abandone o poder en xaneiro, o mandatario tiña programado reunirse a sexta feira en Washington co primeiro ministro británico, Keir Starmer, para abordar a concesión a Ucraína de permiso para usar os seus mísiles de longo alcance contra obxectivos militares en territorio ruso.

O certo é que, segundo sinala o xornal The Guardian, ambos os dous países e outros membros da alianza militar controlada por Washington, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), xa terían acordado permitir a Ucraína atacar sen restricións de distancia con mísiles Storm Shadow.

Estes mísiles foron desenvoltos conxuntamente por Londres e París e son producidos nunha compañía conxunta con participación italiana e usando compoñentes estadounidenses, polo que os catro terían que autorizar o seu uso.

Kíiv xa conta con estes mísiles, que forman parte dos máis de 200.000 millóns de euros entregados polos Estados membros ou da contorna da OTAN entre febreiro de 2022 e o 30 de xuño deste ano ao país, a metade en armamento e material militar. 
Así e todo, até o de agora só se lle permitía usar estes mísiles dentro das súas fronteiras internacionalmente recoñecidas.

O seu alcance é de 250 km desde o lugar do disparo, algo menor que o dos Atacms estadounidenses, que alcanzan os 300 km e cos que tamén conta Kíiv.

O presidente ruso, Vladimir Putin, fixo énfase a quinta feira en que autorizar estes ataques dentro do país “significaría que os países da OTAN están en guerra con Rusia”, subliñando que neste caso “tomaremos decisións apropiadas baseadas nas ameazas que se crearán para nós” ao mudar “a esencia mesma deste conflito”. En última instancia “é unha decisión sobre se os países da OTAN están directamente involucrados no conflito militar ou non”.

Sexa como for, a pasada semana o titular de Defensa estadounidense, Lloyd Austin, incidiu en que a autorización do seu uso non suporía unha mudanza relevante na situación militar, “non creo que unha soa capacidade vaia ser decisiva”, asegurou.

En paralelo, o Pentágono debullou que estes mísiles non responderían á principal ameaza que enfronta Ucraína, as bombas planadoras rusas, lanzadas desde máis de 300 km de distancia, replicando o principal argumento da Administración, que se xustificou en que Rusia tería retirado deste alcance os principais obxectivos ucraínos.

Outra das dúbidas da OTAN corresponde á baixa cifra destes mísiles que pode producir ao ano, e funcionarios estadounidenses transmitiron á axencia AP que non cren “que teñan suficientes sistemas de armas dispoñíbeis para proporcionar a Ucraína a cantidade necesaria para marcar unha diferenza substancial”.

A pesar disto todo indica que, se non o foi, o permiso será finalmente concedido. En maio, Washington autorizou a usar armas como o Himars nas rexións fronteirizas rusas, e a finais de agosto, e despois de demandar Kíiv estes permisos durante anos, o xefe de Gabinete do presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, desprazouse a Washington para presentar unha listaxe de obxectivos de “alto valor” que poderían atacar de erguerse as restricións, revelou o xornal Politico.

Irán como xustificación

Logo comezaron as acusacións contra Irán por supostamente vender mísiles a Rusia para ser utilizados na guerra de Ucraína -o que negaron tanto Tehran como Moscova-, que desembocaron en novas sancións dos Estados Unidos e os seus aliados contra o país. Nese contexto, Biden comunicou que “estou a traballar” para autorizar estes ataques, e o secretario de Estado, Antony Blinken, insinuou a quinta feira que Kíiv recibirá a aprobación.

Nese sentido, a prensa británica sostivo que a visita o día anterior de Blinken e o seu homólogo británico David Lammy a Kíiv non tería acontecido sen unha decisión positiva previa arredor desta cuestión, mais sinalando que anunciar a decisión desde alí tería sido “innecesariamente provocador”. Porén, o xornal The Times fixo fincapé en que “probabelmente” o permiso se cinga aos Storm Shadow e deixe fóra os Atacms.

No outro lado do Atlántico, os medios estadounidenses cualifican de “pouco probábel” que durante a visita de Starmer se anuncie algún cambio nesta política, admitindo ao tempo que “algúns líderes occidentais temen que iso desencadee unha escalada da guerra”.

En todo caso, “non temos ningunha dúbida de que a decisión” foi “tomada hai moito tempo”, aseverou o ministro de Exteriores ruso, Sergei Lavrov, que engadiu que “agora están tratando de facelo parecer máis bonito, máis decente, máis elegante no espazo público”. Ao respecto, profundou en que especialistas occidentais “están a coordinar practicamente de forma manual os ataques” contra obxectivos “puramente civís” en territorio ruso, ademais de brindarlle intelixencia militar a Ucraína.

No plano militar, a xuntanza entre Biden e Starmer prodúcese cando Ucraína informou de que Rusia lanzou unha contraofensiva na rexión rusa de Kursk, na que Kíiv protagonizou unha incursión hai máis dun mes. Asemade, no Donbás rexistráronse novos avances rusos en dirección a Pokrovsk, un bastión defensivo ucraíno e unha peza chave nas súas rutas de subministracións.

Amais, chega cando Ucraína virou as súas políticas e defende negociacións para acabar coa guerra ante a posíbel volta á Casa Branca de Donald Trump, comprometido coa fin inmediata das hostilidades. Tamén Alemaña rachou coa liña marcada por Washington e acepta conversas para rematar co conflito. Nesa liña, o ministro de Defensa chinés, Dong Jun, reiterou que a posición do país segue a ser que “a paz e a negociación é a única saída”.

Pola súa parte, o Servizo Federal de Seguridade ruso anunciou que revogou a acreditación de seis diplomáticas e diplomáticos británicos, así como que decidiron expulsalos despois de obter probas de que estaban a coordinar unha “escalada da situación político-militar internacional”, o que supón unha actividade subversiva incompatíbel co seu status diplomático, reportou a axencia Tass.

Horas despois, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, afirmou que a mensaxe de Putin chegou “aos seus destinatarios”, detallando que a advertencia foi “extremadamente clara” e non admite dobres interpretacións.

A ONU pide aos EUA presionar Israel

O secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, António Guterres, mantivo a sexta feira na canle Al Jazeera que os Estados Unidos deben exercer máis presión contra o réxime de apartheid israelí para acabar coa agresión militar en Gaza, que persoas expertas do organismo consideran un xenocidio que matou máis de 41.000 persoas. Non obstante, o portugués remarcou que “coñezo a vida política estadounidense o suficiente como para saber que iso non sucederá”.

Comentarios