Aparece un espectacular tríscele no castro de San Vicenzo, en Avión

O equipo arqueolóxico destaca o seu bo estado de conservación e considera que podería ser parte do lintel dunha das cabanas.
Trisquel atopado no castro de San Vicenzo. (Foto: Eloi Saavedra)
photo_camera Trisquel atopado no castro de San Vicenzo. (Foto: Eloi Saavedra / Cultura Galega)

"Estas cousas sempre son a última hora", afirma o arqueólogo Jorge Lamas, director das intervencións no castro de San Vicenzo, en Avión (O Ribeiro).

Tal e como recolle o portal Cultura Galega, o equipo arqueolóxico estaba preparándose para rematar a xornada cando retiraron algunhas pedras máis do derrubo dun edificio circular no interior do castro de Avión. Aquela acumulación de pedras non era consecuencia da ruína do edificio, senón da acción de expoliadores, nunha data indeterminada, tentando chegar ao interior da cabana.

"Había unha pedra cadrada moi grande e ao volteala apareceu este enorme tríscele", explica Jorge, "moi posibelmente os expoliadores o viron e descartárono porque estaban á procura doutra cousa".

O tríscele, pensa Lamas, estaba situado nas proximidades da porta da cabana, porque apareceu tamén outra pedra con indicios de ser parte do lintel nas proximidades. Aínda que o achado destes símbolos na área bracarense de Gallaecia é habitual, o tríscele destaca polo seu bo estado de conservación e mesmo polas súas dimensións e a delicada factura do baixorrelevo.

O castro de San Vicenzo comezou a ser intervido o ano pasado por iniciativa da comunidade de montes de San Xusto e a Asociación Cultural Viva Avión. As dúas entidades financian a campaña deste ano no castro que, polo momento, parece estar activo até o cambio de era, cando aparecen algúns indicios de comercio co mundo romano.

Comentarios