Roxelio Groba, a guerrilla e unha carta inédita de Curros a Murguía, cabeceira do semanario 'Sermos Galiza'

Lembra que podes atopar o 'Sermos Galiza' este sábado, 14 de setembro, acompañando o xornal 'Nós Diario' nos quiosques. 64 páxinas por só 3,20 euros! 

Detalles do 'Sermos Galiza' que se publicará este sábado, 14 de setembro.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' que se publicará este sábado, 14 de setembro.

Nós Diario regresa este sábado aos quiosques cunha nova entrega do semanario Sermos Galiza. Nas primeiras páxinas o público lector encontrará un texto asinado por Elisardo López Varela no que nos descobre os detalle dunha "carta orixinal, manuscrita e, con total probabilidade, inédita" de Curros a Murguía escrita na Habana en maio de 1894.

As liñas inicias, sinala o autor de "Curros Enríquez: suicidio ou emigración", dan conta da admiración de Curros polo "patriarca". "Porén, a confesión máis íntima e dolorosa áchase no segundo parágrafo. É a primeira e, talvez única vez, en que o poeta confesa con total sinceridade ter reflexionado sobre a posibilidade de se suicidar".

O relato achéganos aos días últimos de Curros Enríquez en Madrid antes da súa partida cara a América, á viaxe "triste e solitaria" que o levará até a Habana e do seu periplo na capital cubana perto da emigración galega para finalizar coa reprodución da misiva inédita de Curros.

Música clásica para o pobo

Xan Carballa entrevista Roxelio Groba Otero, quen fai memoria de seu pai [Roxelio Groba, Guláns, Ponteareas, 1930-2023], "unha figura capital polo volume, pola calidade da súa obra e tamén pola recoñecibilidade. Segundo afirma o director da Orquestra de Cámara da Galiza seu pai conseguiu "ese papel de punta de lanza da cultura musical galega, e tamén ibérica, no que achega como riqueza ser e sentirse galego. Unha xenética galega que permea toda a súa obra".

A música clásica guía a conversa: creación, interpretación, programación, divulgación e prexuízos, se ben Groba defende certo carácter elitista para gozala e comprendela en plenitude. "É verdade que o aprecio da música clásica precisa unha sensibilidade proclive á beleza complexa, da mistura dos sons propios da clásica".

Memoria

José Galán e Ramiro Souto, guerrilleiros galegos asasinados en 1952 pola Garda Civil, son os protagonistas de varias páxinas dedicadas á memoria da guerrilla e a quen "loitou contra o fascismo". Luís Lamela asina unha reportaxe que comeza brevemente polo final, pola recuperación dos restos dos dous guerrilleiros en Visantoña, no concello de Mesía (comarca de Ordes), o pasado mes de agosto.

Lamela repasa as súas biografías, as penurias que pasaron canda os seus amigos compañeiros de monte, a represión, as detencións, as torturas e a batalla final coa Garda Civil. "Máis que guerrilleiros convertéranse en escapados que, a salto de mata, buscaban sobrevivir nun mundo que non os quería. Os mellores tempos de loita pasaran. E para o seu exterminio repetiuse a traizón, as confidencias e as delacións á Garda Civil das xentes que anteriormente os protexeran".

Libros e música

Tensi Tenxeira busca atraparnos co "poder terrorífico do medo", nesta ocasión da man de Abel Tomé e A noite do oso (Galaxia), a novela coa que gañou o Premio García Barros 2024, na que a poesía da estadounidense Sylvia Plath devén protagonista.

Pola súa parte, Susana Sanches Arins achéganos ao Patio de Luces (Xerais), de Érica Esmorís, unha obra para primeiras lectoras que nos fala de preconceptos, primeiras impresións e como deixarnos guiar pola fantasía.

No que se refire á música, Belém Tajes arrástranos até a Costa da Morte para escoitar a proposta  "fresca e innovadora dentro do mundo da música tradicional galega" de Arredores, que eeñen de estrear o seu primeiro disco: Edicse. Mentres, César Morán lévanos de andaina por "música de interiores".

Cinema, danza e movemento

Andrés Castro preséntanos unha coprodución entre a Galiza e Portugal inspirada na intelixencia artificial. O director Simón Casal "imaxina como sería o futuro se deixamos as decisións xudiciais en mans das IA", un exercicio que non é de ciencia ficción, "senón que se adianta a unha realidade que xa presentaba nunha mediometraxe documental homónima" do ano 2022: Xustiza artificial.

Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo, do Colectivo Xea, propóñennos un percorrido polos Penedos de Pasarela e Traba, localizados na a serra de Pena Forcada, entre os concellos de Vimianzo e Laxe, na Costa da Morte.

Por último, antes do salto final a dúas páxinas de pasatempos creados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa, Manuel Xestoso convídanos a bailar o pasinho: unha especie de hip hop combinado con pequenas doses de samba, break dance, twerk ou popping, unha proposta da coreógrafa brasileira Alice Ripoll que vén de presentar en Ribadavia o espectáculo Zona Franca

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 14 de setembro, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios