Éxito do atletismo galego no Mundial de Trail e Mountain

Oito medallas para a Galiza na cita en Canfranc.
Rebeca Mariño no podio
photo_camera Rebeca Mariño, dereita de todo, sumou catro medallas (Foto: FGA)

Histórico balance do atletismo galego no Campionato do mundo de Trail e Mountain Running Máster que esta fin esta fin de semana decorreu en Canfranc, Aragón. Os atletas galegos voltaron do Pirineo cun total de oito medallas o que pon en valor a calidade e o bo momento que está a experimentar esta modalidade deportiva.

Nunha edición na que se deron cita máis de corenta paises para tomar parte nas modalidades de Classic 17K, Long Distance 34K e UpHill 6K, un total de 12 atletas galegos e galegas acudiron á cita na que a gran protagonista foi Rebeca Mariño. 

A deportista de Boiro (comarca do Barbanza) tomaba parte na modalidade de UpHill na categoría F40, logrando o segundo posto do podio como integrante da selección estatal grazas en boa medida a súa cuarta posición na individual. Pero o mellor momento para Rebeca foi na modalidade de Clasic 17K, onde lograba o subcampionato mundial da categoría F40 logrando de igual modo o terceiro lugar na clasificación absoluta, pechando a súa fantástica actuación co terceiro posto por equipos após a selección de Irlanda, o que lle facían sumar nada menos que un total de catro medallas neste campionato.

No resto de categorías, o atleta Federico Losada lograba outro extraordinario resultado ao conseguir o subcampionato do mundo na modalidade WMMR Long Distance 34 da categoría M45, invertindo un tempo de 3 horas 28 minutos e 45 segundos e rematar a corenta segundos de Santiago Mézquita. Por equipos, Losada subía ao máis alto do podio para recibir a medalla de ouro por seleccións.

Continuando nas medallas no colectivo, Emilio Montilla da modalidade Long Distance 34 M50 era outro dos galegos que se proclamaba campión mundial por conxuntos contribuindo decisivamente a iso grazas ao seu sexto posto individual. De igual modo  Enara Fernández na F35 facía o propio co seu décimo primeiro posto na individual que sumaba para que o Estado español na modalidade Classic 17K se proclamase subcampioa mundial.

Do resto de participación galega, compre salientar o posto de finalista acadado por Raquel Estévez na F55 sobre 34K e o triunfo  na modalidade de Open Long Distance 34K da galega Tamara García na absoluta feminina.

Comentarios