Orosio, o gran historiador galego do século V cuxa obra influíu en Braduel e Arrighi

Foi un intelectual de primeira magnitude que partillou estudo e reflexión coas outras grandes referencias culturais do mundo coñecido no momento. A súa obra continúa influíndo na actualidade a diferentes correntes historiográficas e autores como Fernando Braduel ou Giovani Arrighi son debedores das súas teses.

Orosio
photo_camera Orosio representado nunha miniatura do códice de Saint-Epure. (Foto: Cedida)

Facía parte daquela elite romanizada da Galiza do século IV. Porén non actuou como un representante orgánica da mesma, diverxendo das posicións dos seus máis significados portavoces como Idacio da Limia e mantendo unha posición confrontada en temas centrais como o asentamento dos suevos no país.

Significouse no combate ao priscilianismo pero desde unha posición filosoficamente máis sofisticada e de respecto cos usos e prácticas da grande masa social galega con escaso influxo da romanización. Está esquecido entre os seus compatriotas malia que a súa influencia está de volta no ámbito das ciencias sociais.

Militou no partido antipriscilianista. A súa posición fica recollida no volume Consultatio sive commonitorium ad Augustinum de errore Priscillianistarum et Origenistarum, isto é Consulta ou advertencias a Agostiño verbo do erro dos Priscilianistas e dos Orixenistas, unha obra elaborada maiormente antes da súa marcha de Galiza e dirixida formalmente a Santo Agostiño de Hipona, co obxectivo de recadar a súa opinión sobre as doutrinas de Prisciliano.

O filósofo

A súa produción filosófica veuse arrequecida cunha segunda publicación elaborada durante a súa estadía en Xerusalén, contextualizada no marco dos debates vividos no sínodo celebrado na cidade  no 415, onde recolle as súas críticas ao pelaxionismo, as súas diverxencias co bispo Xoán II e as análises compartidas con San Xerónimo Estrabón, outra das referencias intelectuais da cristiandade na altura.

Está considerado como o grande historiador e xeógrafo daquel momento. O  seu monumento histórico Historiae adversus paganos, elaborado entre o 416 e o 417, reponde a unha petición de Santo Agostiño de Hipona no que lle demanda un estudo sobre o pasado da humanidade con especial atención aos pagáns co obxectivo de acreditar que a decadencia do imperio romano, no ano 410 produciuse o saqueo de Roma por Alarico, non ten a ver coa asunción do  cristinianismo, tal como afirmaban diferentes sectores da sociedade.

A teoría da sucesión dos catro imperios universais

A tese central do seu traballo, a teoría da sucesión dos catro imperios universais, parte do suposto de que a partir das ruínas dunha gran civilización xorde outra, analizando os casos dos imperios de Babilonia, Macedonia, Cartago e a Roma pagá e cristiá, concluíndo que a responsabilidade da situación actual non procedía do cristianismo senón que con anterioridade houbera momentos igual de críticos.

Galiza estivo moi presente na súa investigación, achegando unha análise da realidade do país confrontada a enunciada polo seu contemporáneo Idacio da Limia. Mentres para este último a chegada dos suevos significaba unha auténtica catástrofe representando o momento máis crítico da historia galega, Paulo Orosio analizaba con optimismo a chegada dos suevos, considerando este momento como o de máis felicidade desde a creación do mundo

Orosio destacou polas súas contribucións no ámbito da xeografía e da cartografía, sinalándose pola importancia que lle da a estas dúas disciplinas e as descricións que realiza  do mundo coñecido, cunha sorprendente precisión para algunhas zonas, caso das illas Británicas, até o punto de enunciar algún autor polo mesmo unha suposta orixe bretoa.

Braduel, Fevre e Arrighi

A súa obra histórica gozou dunha ampla influencia no mundo árabe e cristián até o Rexurdimento tal e como certifican as moitas versións dos seus traballos que chegaron a nos desde período, recuperando un novo pulo baixo o influxo da Escola dos Anais. Autores como Lucien Fevre ou Fernand Braduel volveron a mirada cara os seus traballos, sendo tamén decisivo o seu influxo nas formulacións de Giovani Arrighi

O propio Giovani Arrighi, un dos pensadores marxistas de referencia das décadas finais do século XX e da primeira do século XXI, recoñeceu que as súas teses sobre os ciclos longos e as crises, formulada de xeito meridiano na súa obra O longo século XX toma como punto de partida as análises de Orosio. Outro tanto, sinalou con anterioridade, Fernand Braduel, quen apuntou que o esquema da historia total xa estaba presente no historiador galego.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios