Chamábase Venancio Seoane Bouso pero desde que naceu en 1906, nas Rodrigas, concello de Riotorto, na comarca de Meira, foi coñecido por “Pasoslargos”, a consecuencia dunha malformación no pé dereito.
A súa foi unha vida dura. Fillo de nai solteira e de extracción social moi humilde, desenvolveuse como xornaleiro, segador en Castela, carreteiro, comisionista e trapeiro, con viaxes de ida e volta a Madrid, onde pasaba longas tempadas.
O 18 de xullo de 1936 atopábase en Madrid e non tardou en incorporarse ás Milicias Galegas, corpo voluntario do exercito popular, formado por emigrantes galegos, a iniciativa dos deputados nacionalistas Daniel Castelao e Ramón Suárez Picallo.
Soldado das unidades do exército popular durante a guerra dos tres anos, concretamente no oitavo corpo do exercito con sé en Pozoblanco (Andalucía), unha vez rematada a contenda retornou a Riotorto fuxindo da represión, onde foi detido o 11 de decembro de 1939, sendo encarcerado até 1941 en diversas presidios franquista
Luis Trigo
A incorporación de “Pasoslargos” á guerrilla antifascista fíxose efectiva á volta de 1942. Nese ano, integrouse no grupo de orientación socialista liderando Luís Trigo nas terras da Mariña e da Corda, participando en decembro de 1942 non asalto á Irmandade de Labradores de Barreiros (comarca da Mariña).
A ruptura de Venancio Seoane co PSOE e con Luís Trigo e a súa incorporación ao Exercito guerrilleiro de Galiza e á disciplina comunista produciuse á volta de 1946. Segundo sinalou o propio “Pasoslargos”, nun informe que remataría en mans da policía, “o 22 de outubro do pasado ano cheguei a Viveiro, e comprobei a existencia do PC neste zona, este sufrira un golpe facía uns seis meses”.
A loita da IV Agrupación
Seoane detalla do seu relatorio que comezos de decembro de 1947 reorganizouse o operativo guerrilleiro na comarca de Viveiro (comarca da Mariña), dividíndose nun destacamento dirixido por José Temblas Paz e formado por Benedito Escourido, Placido Ribera Cociña e Francisco Insua e outro, liderada por José Antonio Franco “O Caudillo” e conformada por Leonardo Gómez Pérez “O Trancas”, José Balea, Francisco Ínsua e Venancio Seoane.
O documento dá conta das actividades da guerrilla nas terras mariñás. Así, sinala que o 16 de febreiro de 1948 “axustizamos a dous deses elementos convictos e confesos do que o pobo os acusaba. Un dos chivatos, chamábase Vicente Vigo da parroquia de Viveiró, concello de Muras, o outro chamábase Daniel Fernández, de Rego de Varas, parroquia de Xerdíz, concello de Ourol”.
O 23 de outubro de 1948 apareceu o cadáver de Venancio Seoane, no lugar de Panchigás, parroquia de Valcarría, concello de Viveiro. Segundo afirma, en relación con estes feitos, o comandante de posto da Garda Civil de Viveiro, nunha circular datada o 3 de novembro, “desprendese que os móbiles que orixinaron a morte do referido bandoleiro foi unha loita sostida con membros deste corpo da Garda Civil”.
A morte de “Pasoslargos” foi recollida no xornal comunista Mundo Obrero, no seu número de novembro de 1948, sinalando que “a Garda Civil, continua ensanguentando o chan da nosa patria. Un día e outro, demócratas españois, caen vilmente, asasinados polos foraxidos do tricornio. Fai uns días, foi asasinado en Viveiro, provincia de Lugo, o patriota Venancio Seoane Bouso. Como na maior parte dos casos a Garda Civil disparou sobre el, sen previo aviso, cumprindo as ordes que o verdugo do noso pobo, Francisco Franco, lles deu”