Un mural lembrará nas Pontes a toma da cheminea de Endesa durante a folga de 1975

A cheminea da central térmica das Pontes é un símbolo para todo unha vila dun recente pasado industrial que mudou para sempre a localidade. Ao tempo, é a testemuña de décadas de loita obreira que contribuíron a conformar o sindicalismo galego de hoxe.

Endesa reactiva a súa central térmica das Pontes. (Foto: Europa Press).
photo_camera Cheminea da central térmica das Pontes. (Foto: Europa Press).

As obras de construción  da central térmica das Pontes xuntaron na vila do Eume a máis de 5.000 operarios de montaxes entre 1973 e 1977. Foron uns traballos moi duros, con máis de 20 obreiros mortos pola ausencia das máis mínimas condicións de seguridade laboral e desenvolvidos nunha situación moi precaria. Precisamente, este contexto fixo da localidade un dos principais centros de conflitividade laboral da Galiza durante os meses finais do franquismo.

O 6 de agosto de 1975 arrancou unha folga nas montaxes da central, onde a cheminea pasou a xogar un papel de destaque. Neste contexto, a UPG fixo a presentación pública nos círculos operarios da comarca, lembrando Lois Ríos, naquela altura dirixente clandestino deste partido, que el é Moncho Reboiras se desprazaron ao complexo a repartir panfletos, deixando gravadas as siglas da UPG na cheminea aínda en construción.

A toma de cheminea

O 25 de agosto de 1975 chegou a hora da cheminea. Nesa xornada, dous militantes do Partido Traballo, unha organización comunista de inspiración maoista, José Luis Muruzabal Arlegui  e Miguel Bolaños ascenderon ao cume da cheminea para dimensionar a protesta dos traballadores no marco dunha folga que ía perdendo forza após practicamente 20 días de mobilizacións.

A protesta de 25 agosto ficará para sempre na memoria das xentes das Pontes. Agora, promóvese un mural de gran formato que lembre nas paredes da localidade eses feitos. O mesmo será executado por un coñecido artista gráfico, Joseba Muruzabal, fillo de Muruzabal Arlegui, posteriormente cofundador e dirixente  da Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG) e da CIG.

A folga das Pontes de agosto de 1975 significou un punto e aparte na historia do movemento obreiro na área de Ferrol. Malia que o conflito rematou sen que se lograran os obxectivos concretos formulados nas táboas reivindicativas avaladas polas asembleas de traballadores e moitos deles remataron despedidos, serviu para presentar no ámbito operario a alternativa nacionalista e pór en marcha unha práctica sindical rupturista, que cuestionaba a liña hexemónica de CCOO.

O nacionalismo preséntase en sociedade

A UPG fíxose presente no conflito a través de Miguel Campuzano e Xosé Manuel Díaz, dous estudantes que abandonaron a súa carreira académica para acudir As Pontes a organizar o movemento obreiro desde unha perspectiva nacionalista. Neste traballo, contaron co apoio de Lois Ríos e Elvira Souto até o 12 de agosto, en que se viron obrigados a fuxir tras o asasinado de Moncho Reboiras en Ferrol.

Comisións Obreiras era a organización sindical hexemónica no conflito, mais fendida entre unha liña maioritaria ligada ao Partido Comunista e outra vinculada ao PT, que actuaba a efectos prácticos con total independencia de CCOO, co que non tardarían en rachar para dar orixe nese mesmo ano, á Confederación de Sindicatos Unitarios de Traballadores (CSUT) e posteriormente a Confederación de Traballadores Galegos (CTG).

Un sindicalismo de ruptura

Un dos protagonistas daquel conflito, Miguel Campuzano, escribiu que a folga das Pontes “tivo unha grande importancia no devir do sindicalismo galego” porque “permitiu a confluencia de dous modos semellantes de impulsar as loitas para un obxectivo de ruptura democrática”, en referencia a posición mantida polos militantes da UPG que xa impulsaran o Sindicato Obreiro Galego (SOG) e os afiliados do PT”.

Campuzano continúa explicando que “puxo en contacto, como traballadores das empresas, a persoas con certa sintonía sindical como José Luis Muruzabal Arlegui do PT, con outras do SOG como Xosé Manuel Díaz García e Miguel Campuzano Álvarez que facilitaron a futura confluencia entre a Intersindical Nacional Galega (nacida da confluencia entre o SOG e outros sindicatos sectoriais nacionalistas) e a Confederación de Traballadores Galegos (creada a partir dos militantes do PT) dando lugar, en 1981, á Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG) da que nacería posteriormente, despois da fusión coa Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG), a CIG”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios