O PP reclama a comparecencia de Puente para que aclare a postura do Goberno sobre a gratuidade da AP-9

O PP reclama a comparecencia de Puente para que aclare a postura do Goberno sobre a gratuidade da AP-9

O Partido Popular vén de reclamar a comparecencia no Congreso do ministro de Transportes e Mobilidade Sustentábel, Óscar Puente, para que aclare a posición do Executivo sobre a transferencia e a gratuidade da AP-9

Celso Delgado
photo_camera Celso Delgado no Congreso dos Deputados. (Foto: Cedida)

O deputado do PP pola circunscrición de Ourense, Celso Delgado non agocha a súa preocupación pola postura do Executivo do Estado e, moi particularmente, coa manifestada por Óscar Puente.  

"Estamos realmente moi preocupados polas manifestacións que fixo o ministro esta semana no Senado", asegura Delgado, quen considera “que os compromisos lanzados nos últimos meses por el mesmo, por Sánchez e polo seu partido probabelmente non se fagan realidade”

Delgado reclama claridade sobre a alternativa do Goberno do Estado en relación coa transferencia da AP-9 e pregunta ao Executivo se ten previsto aplicar nesta autoestrada as bonificacións acordadas co BNG no acordo de investidura.

“Estamos en plena fase de tramitación da mesma e realmente estamos a observar indicios de que Sánchez e os seus, en lugar de activala, pretenden novamente boicoteala", apunta Delgado, quen sospeita que o Executivo do Estado repita ao acontecido na anterior lexislatura.

O dirixente popular denuncia que o pacto asinado entre PSOE e BNG "como era de prever, se trataba de papel mollado e un engano a todos os galegos e galegas" e reclama unha alternativa para as elevadas peaxes da AP-9.

As peaxes

As críticas de Delgado chegan, tamén, aos socialistas galegos. Neste liña, lembra que durante a campaña electoral das últimas eleccións galegas o candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeu a gratuidade da AP-9.

"Queremos coñecer cando van dar os primeiros pasos para cumprir ese compromiso da campaña electoral", pregunta Delgado, quen acusa a Puente de dar unhas cifras irreais sobre os custos de transferir e rescatar a AP-9.

Comentarios