Pontón insta o PP a non "vetar" a comparecencia de Rueda e Feixoo na comisión de investigación: "Sería unha declaración de culpabilidade"

O grupo parlamentario do BNG rexistrou esta sesta feira no Parlamento a comisión que investigará os contratos con Eulen, a pandemia e o Hospital Álvaro Cunqueiro para "pór luz" onde o PP quere "escuridade".
Ana Pontón rexistra no Parlamento a creación da comisión de investigación dos contratos da Xunta. (Foto)
photo_camera Ana Pontón rexistra no Parlamento a creación da comisión de investigación dos contratos da Xunta. (Foto)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou ao PP a "non vetar" que o presidente galego, Alfonso Rueda, e o seu predecesor no cargo e actual líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, comparezan na Cámara autonómica ante a comisión que investigará os contratos de emerxencia durante a pandemia, a relación coa compañía Eulen e o custo da construción e posta en marcha do hospital vigués Álvaro Cunqueiro.

"Sería unha falta de respecto á democracia e aos galegos e unha declaración de culpabilidade que Feixoo e Rueda se negasen a vir comparecer a este Parlamento para aclarar as contratacións que fixeron", aseverou ante os medios Pontón logo de rexistrar esta sexta feira, acompañada do seu grupo parlamentario, a creación da comisión de investigación.

A forza de 25 deputados e deputadas

O BNG formalizou a súa petición para a posta en marcha deste órgano investigador no Parlamento galego en virtude do seu peso de hemiciclo, que confire aos nacionalistas a potestade de activar por si mesmos unha comisión esta lexislatura grazas a que ocupan un terzo dos asentos do Pazo do Hórreo.

Após presentar a petición no rexistro da Cámara, Pontón declarou ante os xornalistas que o Bloque usa "a forza" dos seus 25 deputados para "pór luz onde o PP só quere que haxa escuridade", como, ao seu xuízo, evidencia o 'non' co que os populares evitaron o pasado martes que o pleno aprobase a creación, a proposta dos nacionalistas, da comisión sobre a pandemia, Eulen e o Cunqueiro.

Para Pontón, o "vergoñoso veto" do PP a que se puxese en marcha este organismo parlamentario "é toda unha declaración de culpabilidade", polo que defendeu a necesidade de "fiscalizar" a través dunha investigación no Lexislativo autonómico "como se están xestionando os recursos públicos" da Galiza ante as "evidencias" de que existen "irregularidades" que "non só sinala o BNG", senón que "tamén" apuntan "os órganos de control da propia Xunta, como o Consello de Contas".

Así as cousas, remarcou que o obxectivo é pór "luz" no "sobrecusto" de 470 millóns de euros por "a construción privatizada" do Hospital Álvaro Cunqueiro, apuntado polo Consello de Contas nun informe publicado este verán, e a forma de contratar "a dedo" da Xunta tanto pola vía de urxencia durante a pandemia como na súa relación con compañías como Eulen, que "alcanza cifras de máis de 4.000 millóns de euros".

"Empresas amigas"

En palabras de Pontón, existen "evidencias" de que a Xunta favoreceu empresas "amigas" vinculadas "a altos cargos do PP", entre as que destacou a Eulen que, como lembrou, ten a Micaela Núñez, irmá de Alberto Núñez Feixoo, como responsábel para a zona noroeste.

"Queremos luz, transparencia e saber a verdade", aseverou Pontón, que apelou a iniciar "canto antes" a constitución da comisión, para a que os nacionalistas presentarán un plan de traballo "rigoroso e detallado" que, ademais de solicitudes de documentación que o PP "leva dous anos boicoteando" que cheguen ao Parlamento, incluirá peticións de comparecencia entre as que figurarán a de Rueda e a de Feixoo.

Para Pontón, "sería unha vergoña" que o PP se valese da súa maioría absoluta para "vetar calquera destas comparecencias" porque suporía "unha tremenda falta de respecto" aos galegos e galegas e "unha declaración de culpabilidade" sobre os contratos que a Xunta asinou nos últimos anos con Rueda e Feixoo como máximos responsábeis.

"Esperamos que o PP non volva utilizar a súa maioría como unha laxa que impida que poida haber transparencia e un funcionamento democrático das institucións", aseverou Pontón, que recalcou que os populares non deben "obstruír" que "realmente se aclaren cuestións tan graves" sobre as que os galegos demandan "respostas".

Comentarios