A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, presentou a asemblea nacional como “a gran cita coa militancia para darlle máis potencia ao proxecto do BNG para conquistar o Goberno deste país”. Nesta dirección, lembrou que “pasamos en oito anos de estar ao borde da desaparición a ser a alternativa real ao PP”,
Pontón sinalou que “o BNG é moito máis que unha organización política, somos a expresión da existencia da nación galega e a esperanza de toda a cidadanía que quere facer realidade a mellor Galiza”.
A dirixente nacionalista indicou que a asemblea busca reforzar a organización e analizar a situación política actual. Nesta liña, aseverou que “sen organización non hai cambio real posíbel” e apuntou que “a Galiza de hoxe non é a de 2016 e nin sequera a da hai tres anos cando celebrarmos a última asemblea”
“Toca volver facer unha reflexión colectiva da militancia”
“Toca volver facer unha reflexión colectiva da militancia”, afirmou Pontón, convencida de que a “conexión coa cidadanía é clave para seguir avanzando en apoio social e electoral, para lograr ser a forza hexemónica e gobernar Galiza”.
“Por iso non imos recrearnos no logrado”, continuou Pontón, “senón que con humildade, traballo e compromiso imos seguir avanzando con paso firme e coa man tendida para acoller a cada vez máis cidadanía até ser a forza hexemónica capaz de darlle a Galiza o futuro que merece”.
A portavoz do BNG desvelou que “imos até as últimas consecuencias” na investigación dos contratos asinados pola Xunta da Galiza co círculo familiar de Alberto Núñez Feixoo e das obras do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Comisión de investigación
“Alguén se imaxina que o presidente e o ex presidente de Galiza poidan negarse a comparecer no Parlamento da Galiza, do país que presidiron e que presiden”, preguntouse Pontón, quen asegurou que “sería non só unha declaración de culpabilidade senón tamén un desprezo absoluto aos galegos e ás galegas representadas”.
“Son moitas as urxencias que afectan de cheo á vida da xente e por iso empezamos o curso político pisando o acelerador sen dar tregua nin pausa”, afirmou Pontón, quen afirmou que “os galegos e as galegas non se poden permitir esperar”.
Altri e financiamento
Pontón centrou as prioridades políticas do BNG nesta conxuntura política, destacando entre elas paralización do proxecto de celulosa de Altri e a defensa dun novo modelo de financiamento que sitúa a Galiza fóra do réxime común e lle permita recadar a totalidade dos impostos.