Rueda négase a que na reunión con Sánchez se trate o financiamento da Galiza

O financiamento da Galiza non estará na orde do día da reunión que esta sexta feira manterán na Moncloa os presidentes español e galego, Pedro Sánchez e Alfonso Rueda, por decisión deste último. Se Sánchez saca este tema, afirmou Rueda, el escoitarao, mais non haberá debate: "Direille que hai que falalo entre todas" [as comunidades].
xunta2
photo_camera Alfonso Rueda esta segunda feira, presidindo o Consello da Xunta da Galiza, (Foto: Xunta da Galiza9

O tema central deste curso político e que pode condicionar cuestións tan importantes como o desenvolvemento territorial ou a capacidade de benestar da cidadanía non estará presente na reunión desta sexta feira entre os presidentes galego e español, Alfonso Rueda e Pedro Sánchez. A preguntas de Nós Diario esta segunda feira, na súa comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego, o titular da Xunta da Galiza confirmou que, no que del dependa, non se falará de financiamento. Incluso, apuntou, se Pedro Sánchez formula na xuntanza unha negociación en"bilateralidade" entre Galiza e o Goberno español "direille que iso hai que falalo, pero entre todos [en referencia ás comunidades], para que ninguén fique por riba doutro".

O presidente galego mantense así leal á palabra de orde dada pola mandataria madrileña, Isabel Díaz Ayuso, de que o financiamento ten que ser tratado nun foro con presenza de todas as comunidades, sen espazo bilateralismos. Unha posición, a do presidente galego, que contrasta coa doutros presidentes autonómicos do seu mesmo partido, o PP, como o andaluz Juan Manuel Moreno Bonilla ou o valenciano Carlos Manzón, que xa avanzaron estes días que eles si que están dispostos a falar de financiamento e da quita da débeda na reunión con Sánchez. “Pedimos medidas singulares, medidas excepcionais, compensacións... Algún presidente autonómico non o ve coma min, mais eu téñoo claro ", dixo Carlos Manzón ao ser preguntado sobre se na xuntanza co mandatario español está disposto a falar de financiamento para o País Valencià.

Na resposta a Nós Diario, Rueda quixo cubrir as súas costas. Se ben afirmou que el non ve un "cambio de criterio" nestes presidentes autonómicos do seu partido a respecto da consigna de que o financiamento autonómico debe de ser negociado entre todas as comunidades, engadiu un "eu non son responsábel do que, chegado o momento, cada un diga" [na reunión con Sánchez]. El, aclarou por se había dúbidas, que seguirá na trincheira trazada por Díaz Ayuso e Alberto Núñez Feixoo, presidente do PP español: "Manteño a miña palabra", dixo, a súa reunión co mandatario español "non é o foro" para falar do financiamento da Galiza. Para Rueda, o modelo de financiamento para a Galiza debe de saír dunha reunión de todas as comunidades onde, "coas cartas boca arriba", se fale "da cantidade que hai" e de como hai que "repartir" entre todas.

Tamén preguntado por este diario a respecto de cando a formación popular galega mantiña unha posición a favor do concerto económico [o Parlamento galego aprobou en 1983 un sistema de concerto para Galiza a proposta dos populares, como publicaba Nós Diario esta fin de semana], Rueda dixo descoñecer ese feito. De todos modos, apuntou, "as circunstancias serían daquela moi diferentes" e defendeu que, "a día de hoxe", a Galiza "non sae gañando cun concerto". O Consello de Cotas, órgano fiscalizador do Goberno galego, certificou nun estudo que o modelo actual deixa Galiza cun déficit anual de 1.535 millóns de euros. 

Sen consultar a oposición

Alfonso Rueda tamén quixo deixar claro esta segunda feira que os temas que vai levar á cita co presidente español non van saír dun diálogo coa oposición para intentar acordar unha posición común desde a Galiza. "Despois da reunión darei conta do seu contido no Parlamento da Galiza", afirmou. O titular da Xunta fechaba así a porta á proposta realizada momentos antes pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, de manter unha reunión previa para falar do encontro con Sánchez e esixir unha quita da débeda. A líder nacionalista considera que "un presidente que quixese levar unha posición de país tentaría acordala e tería que chamar a líder da oposición para poder abordar eses temas". "Gustaríame", proseguiu, "que, como mínimo, o presidente da Xunta expuxese ao señor Pedro Sánchez que queremos unha quita da débeda exactamente igual que a que poida ter outra comunidade, e que o debate de financiamento estea sobre a mesa". "O que non pode ser é que o tema central [financiamento] estea excluído da axenda do presidente da Xunta da Galiza porque llo dita o señor Núñez Feixoo desde Madrid", reprochou Ana Pontón. 

  Excluído o financiamento, Rueda avanzou na súa comparecencia que a súa intención é que na orde do día da sexta feira se inclúan cuestións como as infraestruturas, a transferencia da AP-9 ou o traspaso dos medios necesarios para exercer as competencias en litoral.

Vacinas e fusións de concellos

Na comparecencia despois da reunión semanal do Goberno galego, o titular da Xunta anunciou que se decidiu ampliar o calendario de vacinas, nesta ocasión para combater o virus do papiloma humano (VPH), co foco en todos os homes adolescentes de entre 15 e 18 anos. Segundo avanzou o presidente empezarase a aplicar a partir de mañá, cuarta feira. Por outra parte, e tamén a preguntas da prensa, Rueda afirmou que calquera fusión de concellos galegos debería de "cumprir un requisito: o da voluntariedade". 

O que non aclarou Rueda, malia as preguntas da prensa, foi se vai comparecer na comisión de investigación formalizada polo PP para explicar o sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro ou os contratos con Eulen.


O TSXG suspende sete eólicos e a Xunta carga contra "a marea de paralizacións"

OTribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acordou a suspensión cautelar de sete parques eólicos máis —Serra de Liñares, Serra da Piñeira, Paraño Oeste, San Cristovo, Neboada, Monteagudo e Suime— ante o risco de que causen "danos irreparábeis" ao medio ambiente. En cambio, o alto tribunal galego rexeitou a medida cautelar solicitada respecto doutros dous proxectos —Picato e Solpor—. Deste modo, emitiu un total de 130 autos relativos a solicitudes de suspensión de autorizacións administrativas previas e de construción de 64 parques eólicos, dos cales 59 foron suspendidos, polo que só cinco proseguen o seu desenvolvemento. 

O Tribunal informa desta decisión o mesmo día, esta segunda feira, que a conselleira de Medio Ambiente Cambio Climático, Ángeles Vázquez, comparecía para dar conta da súa visita a semana pasada a Bruxelas para explicar nas instancias comunitarias "a marea de parálise eólica" que, dixo, hai na Galiza. Vázquez asegurou que a Xunta logrou o aval da UE á Lei de administración ambiental como vía para simplificar a tramitación de proxectos enerxéticos e industriais claves para a Gfaliza. A Comisión Europea trasladou ao Executivo galego, afirmou a conselleira, que participará na cuestión prexudicial elevada polo TSXG "e que pon en dúbida a Lei estatal de avaliación ambiental de 2013, aplicada pola Xunta na tramitación dos proxectos eólicos". 

"Eramos a primeira rexión en implantación eólica e agora somos a cuarta cun total de 190 parques eólicos en funcionamento, que suman unha potencia de 3.905,68 MW", lamentouse.

Comentarios