O BNG de Mondariz responsabiliza o Goberno dimitido de "entregar" o concello ao PP pola súa "incapacidade"

"Non é certo que a oposición bloquee os orzamentos", subliñou o portavoz nacionalista, Xosé Emilio Barros.
O portavoz nacionalista do BNG en Mondariz, Xosé Emilio Barros, no centro, nunha imaxe de 2023. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O portavoz nacionalista do BNG en Mondariz, Xosé Emilio Barros, no centro, nunha imaxe de 2023. (Foto: Nós Diario)

O BNG de Mondariz responsabilizou esta segunda feira o equipo de Goberno de Alternativa por Mondariz (AporM), que presentou a súa dimisión o pasado 11 de setembro, de "entregar" o concello ao PP, pola súa "incapacidade de gobernar e buscar consensos".

O goberno local do municipio, encabezado polo alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín 'Calis', presentou a súa dimisión en bloque alegando que os grupos da oposición impedían aprobar o orzamento municipal e poñían en risco a estabilidade do municipio, que pode ser intervido polo Estado debido á súa situación financeira.

Con todo, tanto PSOE como BNG rexeitaron as acusacións do rexedor e lamentaron que foi Alternativa por Mondariz o grupo que demostrou a súa incapacidade de xestionar, de chegar a acordos e de endereitar a situación.

O BNG (formación á que pertenceu 'Calis' e pola que foi concelleiro entre 2007 e 2012) censurou, nun comunicado dirixido aos medios, a "ineptitude" do rexedor, e denunciou que o goberno local "bloquea calquera posible solución á situación de desgoberno".

Ademais, do mesmo xeito que xa apuntara a portavoz do PSOE, Violeta Lois, o feito de dimitir pero conservar as actas de concelleiros "non deixa aclarado se é para volver recuperar a Alcaldía e o Goberno noutro mellor momento", o que supón "unha posición pouco respectuosa cos veciños e veciñas de Mondariz", ademais dun "comportamento impropio de calquera formación política á fronte dun concello".

Desmentido do BNG

"Non é certo que a oposición bloquee os orzamentos", subliña o portavoz nacionalista, Xosé Emilio Barros, que lembrou que os grupos da oposición "asumen que o orzamentos de 2024 debería considerarse como aprobado, incluíndo as emendas parciais aprobadas no pleno do 1 de agosto", que supoñen "non asalariar catro das cinco concellerías como pretende AporM".

Segundo o BNG, o alcalde e os seus concelleiros "néganse a aceptar a democracia, ao non respectar unha votación plenaria e retirar o orzamento no transcurso do debate. "A manifesta incompetencia de 'Calis' e o seu grupo para negociar fai que se chegue a esta situación, a unha auténtica tomadura de pelo para os veciños", proclamou Barros, que advertiu do risco de que o PP, segunda lista máis votada, recupere o goberno do municipio.

Finalmente, o grupo nacionalista reiterou a súa dispoñibilidade para "calquera tipo de negociación, sempre que sexa afrontada con rigor e responsabilidade" e reclamaron aos edís do goberno dimitido que "traballen en busca dunha saída digna a esta lamentable situación".

Comentarios