Pontón demanda medidas contra a especulación na vivenda protexida

Reunión do BNG co Colexio Oficial de Arquitectos. 
Alexandra Fernández e Ana Pontón, á esquerda, na reunión desta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alexandra Fernández e Ana Pontón, á esquerda, na reunión desta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu esta segunda feira que a vivenda protexida teña esta cualificación “de maneira permanente” para salvagardala da especulación e garantir o acceso á vivenda que, segundo advertiu, está chegando a unha “situación límite” na Galiza.

Así o asegurou logo do encontro coa dirección do Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza (COAG) no que abordaron a crise do acceso á vivenda. Pontón propuxo “un gran pacto de país con orzamentos e prazos de execución realizábeis” e que incorpore medidas como a cualificación permanente da vivenda protexida.

Segundo a voceira nacionalista, “esta é unha cuestión básica porque o parque de vivenda pública non pode formar parte da especulación”. Defendeu a necesidade de tomar outras medidas concretas e tamén estruturais que garantan a cidadanía o dereito ao acceso á vivenda. Entre estas propostas do BNG, Pontón destacou a posta en marcha de axudas directas para as rendas baixas que faciliten o acceso á compra de vivenda protexida porque cos prezos actuais “é practicamente imposíbel para moitas familias”.

O BNG puxo o foco na “importante bolsa de vivenda baleira que hai no país e na necesidade de que a Xunta a aproveite”, neste sentido avogou por desenvolver un plan de compra de vivenda baleira que permita pola en aluguer, “unha medida máis rápida, máis ecolóxica e que pode dar unha resposta máis eficaz ante a crise existente no acceso á vivenda”.

Pontón defendeu un plan sectorial operativo no prazo máximo dun ano e que posibilite toda a planificación da vivenda porque, segundo indicou, o Executivo de Alfonso Rueda “está proxectando vivendas só no ámbito das cidades, cando debería ser o conxunto do país o beneficiario desas políticas públicas de vivenda, tendo en conta cales son as demandas e as necesidades, e facelo dunha forma ordenada e por todo o territorio”. O BNG levará ao Parlamento estas propostas para “pór enriba da mesa solucións ao problema de acceso á vivenda”.

Comentarios