O PSOE abre expediente disciplinario á edil compostelá Mercedes Rosón

A formación socialista entende que Rosón cometeu faltas "graves" ou "moi graves" ao "desouvir" a directriz da dirección local no pleno en que se debateu a ordenanza sobre a comunicación das vivendas de uso turístico.
Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

O PSOE abriu expediente disciplinario á edil compostelá Mercedes Rosón no marco do conflito iniciado por desouvir a directriz marcada pola dirección local e votar a favor dunha ordenanza vinculada á regulación das vivendas turísticas no pleno municipal do pasado 24 de xuño

O conflito no PSOE local estalou nese día, cando os seis edís da formación socialista na capital galega desafiaron a directriz da dirección local, con Aitor Bouza á fronte, de optar pola abstención nunha ordenanza sobre a comunicación das vivendas de uso turístico e votaron a favor da medida, que saíu adiante. No pleno, Rosón asegurou que os seis integrantes do grupo eran "conscientes das consecuencias" e que decidían "ser leais coa cidade". 

Ademais, no mesmo día en que tivo lugar o pleno e a citada votación, decorreu unha xuntanza da executiva local do PSdeG na que a dirección aprobou cambios no persoal de confianza, o que implicaba o cese da xefa de gabinete e o xefe de prensa municipal.

"Contra todo o grupo"

O expediente disciplinario foi comunicado a Rosón, quen poderá presentar alegacións, con data do día 4 de setembro e sinala que se considera que cometeu faltas graves ou moi graves pero non concreta a medida disciplinaria. 

Preguntado ao respecto, o grupo municipal do PSOE no Concello de Santiago de Compostela declinou pronunciarse sobre o asunto.

Ademais do de Mercedes Rosón, o PSOE provincial da Coruña abriu expediente contra o portavoz Gonzalo Muíños nun conflito no que os seis integrantes do grupo aseguraron estar unidos e sen relación coa dirección local. Precisamente, preguntada polo expediente de Muíños nun almorzo informativo a pasada semana, a edil Mila Castro considerou que se abría contra todo o grupo.

Comentarios