Dúbidas sobre o futuro da política monetaria: o BCE suxire un aprazamento das baixadas de tipos de xuro

O prezo do diñeiro podería manterse na reunión de outubro, deixando as baixadas para a cita de decembro.
O irlandés Philip Lane, economista xefe do Banco Central Europeo, na reunión de bancos centrais en Jackson Hole. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
photo_camera O irlandés Philip Lane, economista xefe do Banco Central Europeo. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)

O economista xefe do Banco Central Europeo (BCE), Philip Lane, afirmou esta segunda feira que o instituto emisor debe ser prudente á hora de flexibilizar a súa política monetaria, o que suxeriría que é favorábel a unha nova baixada de tipos en decembro e non en outubro.

"Un enfoque gradual para reducir a restrición sería apropiado se os datos entrantes están en liña co escenario central das previsións", explicou nunha reunión do Banco Europeo de Investimentos (BEI). "Ao mesmo tempo, deberiamos manter a flexibilidade na velocidade dos axustes", engadiu.

Neste sentido, Lane indicou que de producirse unha "aceleración sostida" en materia de desinflación ou unha retardación da recuperación económica, deberá baixarse a taxa de referencia con maior présa.

Pola contra, sostivo que se as lecturas de inflación apuntan a unha moderación máis contida ou a unha repunta da economía máis potente da anticipada, sería oportuno reducir o prezo do diñeiro máis amodo.

"Estas consideracións reforzan o valor dun enfoque reunión a reunión e en función dos datos, dado que conserva a flexibilidade en ambas as direccións para futuras decisións sobre tipos", resumiu o economista xefe do BCE.

De forma similar, o vicepresidente do BCE, Luis de Guindos, manifestou esta segunda feira no VII Foro Banca que a institución non asumiu ningunha folla de ruta e que pretende contar co máximo abano de opcións posíbeis.

"Fomos moi claros, non temos ningunha senda predeterminada de evolución de tipos e imos ir reunión a reunión", asegurou Guindos. "Queremos manter toda a flexibilidade posíbel. Analizaremos os datos, o que é a evolución dos datos. Non soamente un dato puntual", dixo.

Custos laborais

As reticencias sobre unha nova baixada dos tipos de xuro danse a pesar da desaceleración da evolución dos custos laborais por hora (unha das principais variábeis tidas en conta polo BCE para a súa política monetaria a pesar de que os beneficios empresariais teñen maior influencia sobre a inflación), que aumentaron no segundo trimestre un 4,7% interanual na zona euro e un 5,2% na Unión Europea (UE), o que supón tres décimas porcentuais menos respecto do incremento do 5% e do 5,5% rexistrado a comezos de 2024, segundo os datos publicados esta segunda feira por Eurostat.

Comentarios